Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades informa á veciñanza sobre as normas e os permisos para facer as cacharelas de San Xoán e San Pedro


O Concello de Frades vén de informar á veciñanza das normas e permisos necesarios para a realización de cacharelas nas noites de San Xoán e San Pedro. Unhas cacharelas cuxa celebración terá que ser comunicada previamente ao Concello (981 69 55 67) e aquelas que se realicen en prazas, parques ou área recreativas deberán contar coa previa autorización municipal.

O Concello de Frades informa que, unha vez conseguida a autorización, os organizadores deberán ter en conta varias normas de seguridade. Así, no caso de que a cacharela se emprace sobre unha beirarrúa ou vía pública, deberá protexerse o pavimento cunha capa de area. O Concello de Frades facilitará aos veciños e veciñas que o desexen un vale para poder recoller esa area a Erimsa.

As cacharelas deberán observar as normas básicas de seguridade tanto no que se refire ao seu volume como á súa separación de edificios, árbores e tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, non se poderá queimar plásticos, PVC, caucho, rodas ou materiais que poidan estalar, como os sprais. Tamén será preciso que a organización dispoña de material de extinción (extintores, mangueiras…) e que comprobe ao rematar a festa que as cinzas da cacharela queden totalmente apagadas, procedendo á retirada dos restos na maior brevidade posible.

No caso de facer caso omiso a estas normas básicas, os organizadores serán os responsables dos danos que se puideran producir nos bens públicos e deberán abonar os gastos de reconstrución e reparación que sexan precisos.