O motivo vén dado polas obras de asfaltado que se levarán a cabo ao longo de todo o día
O Concello de Ordes informa a condutores e peóns do corte que durante todo o día se levará a cabo na ponte do Melante (Vilamaior) o vindeiro martes, 20 de xuño. O motivo vén dado pola aplicación de aglomerado nesta vía situada sobre o rego Buxán. O tráfico desviarase de maneira alternativa pola estrada que transcorre polo cruce do Casal-Porpalla-Peñasco.
O Goberno de Ordes xa executou unha importantísima intervención neste punto, que dende febreiro deste ano volveuse abrir ao tránsito con todas as garantías de seguridade. Tras un investimento de 80.561 € a dita ponte foi reconstruída na súa totalidade con formigón armado mediante cimbra cun ancho de 8 metros. O proxecto incluíu o movemento de terras para a debida execución do cimentado do pórtico cunhas novas dimensións de 5×2,7 metros. Tamén se colocou un muro de acompañamento realizado en pedra de granito, ademais de varandas e barreiras de seguridade. O reafirmado do camiño do contorno realizouse con grava, grixo e aglomerado quente, sumándolle tarefas de reforestación con especies autóctonas.
Este proxecto estivo cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEDER), a través da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.