Friday 22 de November de 2024

Marta Míguez supervisa o estado final da reparación do campo de béisbol do complexo deportivo de Acea da Ama (Culleredo)


Nas vindeiras datas chegará á instalación coruñesa o montículo móbil financiado tamén pola Secretaría Xeral para o Deporte que permitirá a mellora da práctica do sóftbol neste campo

A secretaría xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou as instalacións deportivas da Xunta de Galicia no complexo coruñés de Acea da Ama para supervisar o estado final da reparación que se levou a cabo no campo de béisbol, unha actuación financiada polo Goberno galego. Alí, a máxima responsable do Goberno galego valorou os labores de recuperación realizados que “melloraron notablemente a instalación”. “Para continuar contando cos mellores deportistas, precisamos das mellores instalacións e iso pasa por un traballo de supervisión e actuación nos espazos deportivos da nosa Comunidade”, engadiu.

Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte dá cumprimento ao compromiso adquirido pola propia secretaria xeral en xaneiro do presente ano cando asegurou, no mesmo escenario que “neste exercicio orzamentario de 2017, a Xunta de Galicia levará a cabo as reformas necesarias para acondicionar o campo de béisbol existente e acadar a súa homologación como campo de sóftbol para a competición en división de honor”. Un terreo de xogo que servirá para disputar partidos de béisbol e sóftbol cumprindo coas bases de competición que esixe a Federación Española.

Dentro deste obxectivo tamén se enmarca o financiamento do montículo móbil que chegará a Acea da Ama nas vindeiras datas e que permitirá a mellora da práctica do sóftbol. Tanto a reparación do campo como o financiamento do montículo son actuacións que forman parte dun programa máis amplo de melloras no campo de béisbol e sóftbol de Culleredo que a Xunta seguirá a executar tendo en conta as posibilidades orzamentarias.

Cómpre lembrar que, grazas a estas actuacións, o Club Cambre -que acadou o ascenso á división de honor de sóftbol feminino- poderá disputar os seus partidos no campo de Acea de Ama evitando desprazamentos.