A prensa de hoxe publica que a Xunta leva destruído máis de 85 toneladas de pataca desde o inicio do dispositivo de retirada dos tubérculos nas zonas declaradas como infestadas de couza guatemalteca. Unha cifra que aínda podería incrementarse lixeiramente nos próximos días, dado que no noso concello o traballo aínda non se completou tras catro xornadas en que as brigadas de SEAGA percorreron o territorio porta por porta. Esta empresa -á que a Xunta lle encomendou a recollida das patacas nos domicilios- volverá a San Sadurniño o xoves 22 entre as 8.30 e as 18.00h. e o venres 23 desde as 8.30 ata as 14.30h. Igual que nas anteriores ocasións, e tal e como esixe a normativa, quen non o fixese aínda deberá terlles ensacadas as patacas sobrantes da colleita do ano pasado, as da semente que non se plantasen e tamén as patacas novas arrincadas recentemente.
Recordamos, polo tanto, que se debe facer:
1º Coller na Casa da Cultura ou na Oficina Agraria Comarcal os sacos oficiais da Xunta. Son gratuítos e algo máis pequenos que os comerciais. Son sacos de plástico resistente que impiden a propagación da praga.
2º Encher os sacos oficiais con toda a pataca que teñamos: pataca de semente que non plantáramos, pataca vella que nos sobrase do ano pasado e…
3º…tamén a pataca das plantacións de cedo. Segundo a Xunta somos nós quen temos que arrincar as patacas novas, estean como estean, e botalas nos sacos oficiais. A Xunta non vai arrincárnolas. Non facelo -e coa lei na man- exporanos a recibir unha sanción de Medio Rural. Polo tanto, se non o fixemos xa, é recomendable aproveitar os días que faltan para arrincar as patacas.
4º As patacas hai que gardalas nos sacos separadas por tipos, posto que as axudas son distintas se se trata de pataca da semente, pataca vella ou pataca nova arrincada.
5º Os sacos non deben pecharse. Ha de ser o persoal da Xunta quen os precinte e os pese, entregándonos despois un albarán que certifique os quilos de pataca retirados para podermos cobrar a axuda oficial correspondente. INSISTIMOS: SEAGA non paga as patacas no momento, só nos dá o resgardo de cantas leva para que poidamos cobralas despois pedíndolle unha axuda á Xunta (punto 7º).
6º ¿A como van pagar a pataca?. Os prezos oficiais son: 0,30 €/Kg. a pataca vella que sobrase da colleita do ano pasado, 0,70 €/Kg. a pataca de semente que non puidesemos botar por causa da prohibición e 0,40€/m² de superficie que declarasemos como plantada antes do 5 de marzo. Unha declaración esta última que, segundo a normativa, debeu terse feito antes do 31 de marzo.
7º Para cobrar as compensacións é necesario cubrir un impreso específico da Xunta (o MR465A) e haberá de prazo ata o 30 de setembro para facer a solicitude. Iso si, Medio Rural non aclara canto tardará en resolver as solicitudes nin tampouco -e aí vai algo que se debe ter en conta- se o cobro da indemnización pode ter repercusións con respecto ao IRPF. Isto último é algo que se debe mirar ben e consultalo, non vaia ser que por cobrar 25 quilos de pataca da semente -uns 17,5€- o ano que vén e por termos este ano máis dun pagador teñamos que facer unha declaración da renda que noutras circunstancias non teriamos a obriga de facer.
8º Se os días 22 e 23 de xuño non imos estar na casa por calquera motivo, deberemos contactar co 626.719.200.Ese é o teléfono da Xunta para comunicar calquera incidencia que poida producirse coa recollida.
Desde o Concello, e atendendo á normativa en vigor, prégaselle á veciñanza que lle preste a máxima colaboración aos servizos oficiais de cara a solventar o antes posible un problema que ameaza o futuro da produción doméstica de pataca.