Friday 22 de November de 2024

Brión inaugura mañá venres a exposición coas obras doadas no “X Encontro coa arte: lembrando a Manuel María”


Un total de 25 artistas participarán durante esta fin de semana no “XII Encontro coa arte: lembrando a Carlos Casares”

O alcalde de Brión, José Luís García, inaugurará mañá venres 16 de xaneiro, ás 21:30 horas, unha exposición das obras doadas polos artistas participantes no “X Encontro coa arte: lembrando a Manuel María”, celebrado en 2015. Un acto aberto a toda a veciñanza, que terá lugar ás 21:30 horas na sala municipal de exposicións de Brión e que contará coa actuación especial da cantautora ferrolá Paloma Suanzes.

Previamente, ás 16:30 horas, abrirase o Mercado da Arte na sala de exposicións da Casa da Cultura, onde o público que o desexe poderá ver e mercar unha selección da obra dos 25 artistas que participan esta fin de semana en Brión no “XII Encontro coa Arte. Lembrando a Carlos Casares”. Un Mercado da Arte que estará aberto tamén o sábado (de 9:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas) e o domingo (de 9:30 a 14:00 horas).

Entre os artistas participantes figuran pintores, fotógrafos, músicos e escritores: Alba Roqueta, Antón Sobral, Antón X. Díaz- Caxoto, Beatriz Ansede, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Enrique Ochotorena, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Javier del Valle, José A. Regidor, José Galarzo, José Mª Ysmer, Laureano Vidal, Luís Romero, Manuel Mendez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Ricardo Rilo, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso.

O Encontro coa Arte é unha oportunidade única para contemplar en vivo o traballo de 25 creadores procedentes de diferentes recunchos de España. Cun lenzo en branco para plasmar a beleza de diferentes lugares de Brión, cada un dos artistas improvisará o seu particular estudio ao aire libre para traballar durante unhas horas de cara ao público. Estes obradoiros de pintura ao natural terán lugar na contorna do Río Pego (sábado 17, de 10:00 a 19:00 horas) e na Carballeira de Santa Minia (domingo 18, de 10:30 a 13:00 horas).

Programación paralela

Paralelamente ás actividades propias dos Encontros terán lugar actuacións culturais abertas a toda a veciñanza. Ademais da mencionada exposición do venres, o sábado 17 de xuño terá lugar un concerto-homenaxe dedicado a Carlos Casares a cargo do grupo Xardín Desordenado. Será ás 21:00 horas, no Centro Social Polivalente. Un recital de acceso libre ata completar aforo, onde se incluirán cancións con diversos textos de Carlos Casares.

O domingo 18 de xuño terá lugar un concurso de debuxo e pintura rápida dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos. O certame celebrarase entre as 10:00 e as 13:00 horas, e os participantes, divididos en tres categorías, repartiranse vales de agasallo para libros, xogos ou material escolar por importe de 300 euros. As técnicas empregadas, o material e a temática son totalmente libres, se ben as obras non deberán ser inferiores a un folio A4 e os participantes deberán selar o soporte da obra o propio 18 de xuño, entre as 10:00 e as 10:30 horas, na Casa da Cultura de Brión.

O concurso de debuxo rematará ás 13:00 horas, cunha actuación de Os Monifates. Ás 13:45 horas terá lugar a entrega de premios do Concurso de Debuxo e Pintura.