O lema escollido este ano para todas as Feiras de Galicia é “A ledicia de ler” e serve como homenaxe ao protagonista do Día das Letras Galegas, Carlos Casares
O municipio coruñés de Ribeira acollerá, desde o 22 ao 25 de xuño, na praza do Concello, unha nova cita co libro e coa lectura, promovida pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que conta co apoio do Concello da Deputación Provincial. O programa da feira foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo alcalde do municipio, Manuel Ruiz; polo vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Antón Pedreira; e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.
A Feira do Libro de Ribeira, que alcanza este ano a súa terceira edición, poderá visitarse en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 22:30 horas. Logo de Ribeira, o calendario de feiras do libro establece citas en Rianxo, do 20 ao 23 de xullo e na cidade da Coruña, do 1 ao 10 de agosto.
O lema escollido este ano para todas as Feiras é A ledicia de ler e serve como homenaxe ao protagonista do Día das Letras Galegas, Carlos Casares, quen publicou dende 1975 unha sección xornalística onde trataba temas literarios e lingüísticos, ademais de dar conta das novidades editoriais da época. Canda á venda de obras, as Feiras do Libro de Galicia ofrecen obradoiros, sesións de contacontos, sinatura e presentacións de libros cos seus autores e autoras, coloquios, entre outras actividades, para favorecer a participación cidadá nestes eventos e fomentar a lectura a través de diferentes formatos.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, sinalou que “o lema escollido este ano rende homenaxe ao protagonista do Día das Letras Galegas, Carlos Casares, que titulaba así, A ledicia de ler, unha sección xornalística de recomendacións e comentarios de lecturas, e que abordou desde diferentes ámbitos, é a que nestas feiras lles corresponde, fundamentalmente, aos libreiros, pero tamén aos autores, editores, institucións e outras entidades participantes nas actividades”.
Rodeiro sinalou que a difusión “é unha tarefa moi importante desde a perspectiva do negocio editorial, que é parte das industrias creativas deste país, pero tamén moi importante para favorecer o acceso da cidadanía á cultura, aos seus valores e utilidades, e, como apunta o lema, ao propio gozo, aos soños e ao benestar que nos poden dar os libros”.