As rúas e prazas de Fene converteranse a durante este sábado nun fervedoiro de actividade co gallo da II Fashion Night organizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos do municipio, O argumento principal será a presentación das propostas de moda para esta temporada. Porén, arredor delas deseñouse un completo programa de actividades que inclúen música, obradoiros e exhibicións de baile das escolas do concello. Todo co obxectivo de dinamizar e reivindicar a calidade do comercio de proximidade.
A II Fashion Night de Fene comezará ás 18.00h., aínda que xa desde as 11 da maña toda persoa interesada poderá participar nos talleres que terán lugar na Praza Verde: un de Calceta, outro centrado na creación de scrap e un terceiro de xogos de mesa antigos.
Durante toda a xornada máis de corenta establecementos ofreceranlle á clientela interesantes descontos promocionais e actividades paralelas como poden ser a música ao vivo, sorteos, petiscos, exposicións e outras moitas opcións para grandes e rapazada. E é que na fashion non só están implicados os comercios de roupa, senón que tamén participan locais hostaleiros e empresas de servizos.
O Concello marcou sete zonas repartidas polo casco urbano nas que hai programadas unha vintena de actividades.
Así, na zona da escalinata do parque Castelao -en Naturais de Fene- haberá ás 18.15h. un desfile de Moda Fene, Lualé 114, Artabria, Jomer, El Saón de Filo e Yovi, seguido da actuación de baile de Boris Pico Dance Center e da actuación musical do dúo Milómanos.
Na zona do cruce de Fene ás 19.15h. actuarán Fusion Dance e, a iso das 20.00h., do dúo Arcalí. Ao pé do Froiz tamén teremos baile e música, ás 19.45h. con Paso a Paso e ás 20.30h. co dúo D’Sound.
Avanzando cara abaixo por Marqués de Figueroa, na Praza Verde teremos un obradoiro de calceta entre as 11 e as 13h. impartido por A Xoaniña, co gallo do Día Internacional de Tecer en público. Das 11 ás 14.00h. será cando a academia EMEE ofreza a actividade de scrap e Buxaina a de xogos de mesa antigos. Á noitiña nese espazo encadearanse desde as 22.00h. tres actuacións: a do centro de danza Boris Pico, a de Fusion Dance e a do grupo musical Sintrom ni son.
No espazo reservado na Praza Perla, ás 19.45h. poderemos asistir á presentación de novidades e tendencias dos locais Dama, Carmen, A Tenda, Mayka, Berline, A Xoaniña, Más Sport, El salón de Filo e Loly Calvo. Irá seguida da actuación de Paso a paso e Fusion Dance, un ás 21 e outro ás 21.30h.
Na zona Eroski acturarán de novo Boris Pico Dance Center -21.15h.- Paso a paso -ás 21.45h.- e o grupo Bluesons ás 22.15h. Por último, na praza do Alcalde Ramón Souto -ao pé da Casa do Concello-, pecharase a noite a partir das 22.30h. con Paso a Paso, Boris Pico Dance Center e Fusion Dance.
Ademais, para amenizar as compras, Lucus Neda percorrerá os locais e fará que os clientes pasen un momento divertido.
A II Fashion Night é unha iniciativa organizada polo Concello en colaboración coa asociación de comercio, hostalaría e servizos “O Cruceiro”. O obxectivo principal é a diamización da economía do municipio e a posta en valor do comercio de proximidade por prezo, servizo e calidade fronte ás grandes superficies comerciais.