Friday 22 de November de 2024

O Goberno local inviste 200.000 euros na reforma do pavillón do Colexio Monte dos Postes


A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá os detalles da actuación que o Concello acometerá no pavillón do CEIP Monte dos Postes, que a día de hoxe conta con varias deficiencias que afectan á iluminación, á filtración de augas e á reverberación do son, entre outras. Na rolda estivo acompañada de Ramón Blanco, un dos arquitectos responsables do proxecto.

A actuación supón un investimento aproximado de 200.000 euros e, tal e como lembrou a concelleira, “súmase aos 300.000 que imos investir no pavillón do Apóstolo Santiago ou aos 165.000 euros que investimos en pequenas obras en ata cinco instalacións do noso municipio”.

Cuberta
Noa Morales explicou que se substituirán os ferros da cuberta por unha chapa perfilada de aceiro prelacado, e a chapa perfilada superior e o illamento existente por un cuberta tipo “sandwich” formada por chapa perfilada de aceiro e illamento de fibra de vidro para solucionar as filtracións de auga.

Fachada
En canto á fachada, eliminarase o cerramento perimetral de chapa nos dous lados longos da pista de xogo, situado na parte superior da devandita fachada, substituíndoo por paneis modulares de policarbonato de 40 mm de espesor resistente aos impactos propios das actividades deportivas. E nos lados curtos colocarase bloque de formigón ata a zona de cuberta. Desta forma regúlase a iluminación natural que se adecúa ás actividades deportivas.

Interior
As accións principais da obra realizaranse no interior do pavillón, o que permitirá que se mellore de forma notable a iluminación. Colocarase un falso teito suspendido de placas de madeira que contribuirá a crear unhas condicións de uniformidade tanto de luz natural como artificial, e tamén a paliar o problema de reverberación acústica do interior do polideportivo.

Para mellorar a iluminación artificial substituiranse as luminarias existentes en pista, por outras de led suspendidas, que á vez reducen o consumo enerxético e son máis económicas. Por último, para mellorar a luminosidade, pintarase a estrutura metálica e o muro de bloque de formigón a partir do zócalo azul existente con pintura branca.

Segundo a concelleira, “trátase dunha actuación moi completa e necesaria para mellorar as deficiencias que fomos atopando neste polideportivo e que van facilitar a práctica do deporte”.