Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades presenta o seu Programa de Verán, que recolle medio cento de actividades para todos os gustos e idades



O programa inclúe dezaoito excursións, actividades de conciliación e unha ducia de actividades deportivas e para nenos/as

O Concello de Frades vén de presentar a súa programación para o verán 2017, que recolle medio cento de actividades para todos os gustos e idades. Iniciativas que van dende dezaoito excursións, a unha ducia de actividades deportivas e numerosas iniciativas dirixidas aos máis pequenos, cuns campamentos municipais de conciliación incluídos. Un programa de actividades que xa se poden consultar na web municipal: www.concellodefrades.es.

O Programa de Verán de Frades mantén as actividades tradicionais e que tanto éxito tiveron estes anos como os Xoves de Praia durante os meses de xullo e agosto, o Día do Neno (8 de xullo), a Festa da Auga (12 de agosto) ou a excursión ao Aquapark (28 de xullo), que este ano complementarase cunha excursión infantil ao Galipark de Padrón (1 de xullo). Tamén repiten actividades deportivas como o campionato municipal de pesca infantil (8 de xullo), maratón de fútbol interparroquial (20 de xullo), cursos de natación (do 10 de xullo ao 25 de agosto), Día da Bicicleta (26 de agosto) e campionato de pádel (26 de agosto).

Excursións

No capítulo de novidades destaca o aumento no número de saídas e excursións, tanto dun día como de varias xornadas. Entre elas inclúense dúas rutas de sendeirismo polos cantís de Loiba (23 de xullo) e dos Pasos de Aiazo (5 de agosto), unha viaxe a Allariz (29 de xullo), unha excursión a Portugal con descenso en kayak do río Miño ou visita ao monte de Santa Tegra (16 de setembro), unha excursión á Festa do Marisco do Grove (7 de outubro), a realización do Camiño de Santiago (finais de outubro) e unha excursión de 4 días a Mérida, Sevilla e Córdoba (do 21 ao 24 de setembro).

Os campamentos municipais de verán terán lugar do 10 de xullo ao 12 de agosto, en horario de 9:30 a 13:30 horas, no CPI Ponte Carreira e instalacións municipais como a piscina, o pavillón polideportivo ou o campo de fútbol. Dirixido a maiores de 4 anos, os prezos son de 25 euros por quincena e 50 euros por mes para persoas empadroadas, e de 35 e 70 euros para non empadroadas. O Concello de Frades establece descontos do 20% para o segundo irmán/á e do 50% para os demais.

Así mesmo, durante os meses de xullo e agosto haberá cursos de pilates, nos polideportivos municipais de Abellá e Ponte Carreira, e Aquagym na piscina municipal de Papucín, que abrirá as súas portas o vindeiro 23 de xuño. Tamén se organizan cursos de manipulación de alimentos, informática, primeiros auxilios, plantas aromáticas e medicinais… así como outra ducia de cursos que se porán en marcha en setembro, entre os que destaca o de preparación para as probas de graduado en ESO.

Novidades

As novidades deste ano, ademais dos destinos das excursións, son a volta do programa Noite de Cine, coa proxección de “A última viaxe do afiador” (14 de xullo) e “A viaxe de Arlo” (11 de agosto), na praza pública de Ponte Carreira. Así mesmo, por vez primeira o Concello de Frades vai organizar un Campus de Fútbol Municipal, que terá lugar do 8 ao 11 de agosto no campo de fútbol municipal de Abellá en horario de 10:00 a 13:00 horas. Dirixido a nenos e nenas de 5 a 13 anos, o prezo será de 5 euros para empadroados e 10 para os non empadroados.

En todos os casos, máis información e inscricións no Concelo de Frades, no teléfonos 981 695 567 e 981 695 663 ou na web www.concellodefrades.es.