Mellorar a calidade de vida das persoas enfermas de cancro; diminuir o impacto causado pola enfermidade e promover un afrontamento activo da mesma a través do exercizo físico; fomentar a sensibilización perante o cancro e a súa prevención; colaborar economicamente cos afectados pola enfermidade e coa propia asociación… Son algúns dos obxectivos da novena andaina conmemorativa que organizan a Asociación Oncohematolóxica “Por+Vida”, o Concello de Fene e KineSalus.
A marcha terá lugar este domingo, 18 de xuño, a partir das 10:30 horas na Praza do Alcalde Ramón Souto González (Praza do Concello de Fene). Comezará coa recollida de dorsais -de 10.00 a 10.30 horas- e a benvida aos participantes. Ás 10:30 horas partirá a marcha de adultos que terá unha duración aproximada dunha hora. Ao remate da mesma, ao redor das 11.30 horas, comezarán na Praza do Concello as carreiras infantís nas que poderán participar nenos/as de 3 a 6 anos. Ás 12.00 horas haberá unha exhibición do Club Ximnasia Ferrolterra e, ao remate, procederase á lectura do Manifesto da 9ª Andaina e á entrega simbólica do donativo deste ano (que irá destinado a unha nena da comarca enferma de cancro).
Colaboran na organización desta 9ª andaina conmemorativa: Club Ximnasia Ferrolterra, Cinfa, La Caixa e imprenta San Esteban.
POR+VIDA
“Por+Vida” é unha asociación oncohematolóxica que nace a raíz da participación de varios/as enfermos de cancro no programa de exercizo físico desenvolvido no Concello de Fene dende o ano 2008, e orientado a paliar a fatiga polos tratamentos e a propia enfermidade.
Algúns dos obxectivos desta asociación son:
– Promover un afrontamento activo durante todo o proceso do cancro ou linfoma (tratamento ou postratamento) por parte da persoa diagnosticada, da súa familia e do seu entorno.
-Demandar actividades e servizos que posibiliten a participación e/ou procura de información e que vaian sempre encamiñadas a mellorar a calidade de vida de todas as persoas implicadas.
– Impulsar actividades formativas e/ou divulgativas relacionadas co cancro ou linfoma, procurando a actualización constante e o contacto cos diferentes profesionais implicados e as persoas afectadas pola enfermidade.
– Organizar actividades de participación cidadá co obxectivo de sensibilizar cara os problemas relacionados co cancro ou linfoma e os seus tratamentos.
– Servir de apoio ás persoas que están pasando pola mesma situación, tanto os enfermos e as enfermas como as súas familias.