Thursday 21 de November de 2024

O concello licita a xestión do quiosco de hostelería e o ecoparque de San Roque


O Concello de Riveira aprobou en xunta de goberno local a saída a licitación da xestión conxunta do quiosco de hostalería con terraza e o ecoparque arbóreo situados no periurbano de San Roque.

O prazo de autorización será de 12 meses, sendo o prazo base de licitación dos elementos incluídos de 200 euros ao mes.

O prego de condicións aprobado regula tamén o importe máximo para os usuarios pola utilización do ecoparque: 3 euros nas persoas de ata 135 centímetros de altura e 6 euros os que teñan unha estatura superior.

Horarios
Así mesmo, este documento especifica que ningunha das instalacións incluídas poderán permanecer pechadas tres días consecutivos. O horario de apertura será a partir das 11 horas e o peche non poderá exceder das 23 horas, cun mínimo de 5 horas diarias.

Entre as obrigas do adxudicatario figuran a de depositar os desperdicios de lixo derivados da actividade nos contedores de residuos municipais. O adxudicatario deberá limpar diariamente as instalacións do quiosco de hostalería, incluída a terraza, así como o almacén próximo, o ecoparque e aseos públicos.

Unha vez saia publicado no BOP o correspondente anuncio oficial, o prazo de presentación de ofertas será de 10 días hábiles.

Con máis de 175.000 metros cadrados de superficie, o parque periurbano de Sna Roque constitúe unha das grandes áreas verdes de esparcemento do municipio.

Dentro del, o ecoparque foi aberto no 2015 tras ser executado no marco do programa “Riveira, Entornos Saudables”, que foi financiado con fondos Leader xestionados por Deloa. Consta de diversos circuítos de aventura integrados no entorno, con todo tipo de xogos como tirolinas, pasarelas, pontes, escaleiras de cordas, pasos de lianas, balanzas colgantes e outros, habendo distintos baremos de dificultade para facer deste parque de aventura apto tanto para os nenos como para adultos.