Friday 22 de November de 2024

A Festa do Deporte contará con máis de 50 entidades e 47 disciplinas deportivas


A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu conta este martes dos detalles da I Festa do Deporte, que se celebrará o vindeiro sábado 17 de xuño en varias localizacións de Compostela, entre as que destacan a Alameda, o complexo de Santa Isabel, o parque de Galeras ou a praza Roxa.

Como destacou a concelleira, “é a oportunidade perfecta para que a cidadanía poida practicar deportes que ata o de agora non probaron ou volver a achegarse a unha disciplina deportiva que tiveron a ocasión de practicar nalgunha ocasión”. A Festa do Deporte ten un dobre obxectivo: achegar a variada oferta deportiva de Santiago á veciñanza e ás persoas que nos visiten e homenaxear e premiar ás entidades deportivas que temos na nosa cidade.

A día de hoxe son máis de 50 as entidades deportivas apuntadas a esta Festa do Deporte, que terá un total de 47 disciplinas deportivas. A veciñanza terá a oportunidade de probalas e gañar así unha serie de adhesivos que poderá trocar por premios. Cada deporte que se practique suporá un adhesivo. Cun terase desconto no aparcadoiro, con tres dereito a avituallamento e con dez gañarase a mochila oficial da Festa do Deporte.

Catro sedes
Esta primeira Festa do Deporte celebrarase en catro sedes, ás que se lle suma o Pavillón Lorenzo de la Torre. Así, o Campo de Fútbol de Santa Isabel acollerá o fútbol, adestramentos para toda a familia, rugby, fútbol americano, quidditch ou tiro con arco. As piscinas albergarán todos os deportes de auga como o waterpolo, a natación, o triatlón ou o mergullo; o Pavillón de Santa Isabel terá judo, patinaxe, squash ou tenis de mesa; na Alameda apostarase pola capoeira, o fútbol sala, o baloncesto ou o balonmán; e na praza Roxa haberá xogos tradicionais, zumba e ciclo indoor, e danza urbana. Finalmente, a sede co maior número de actividades será o parque de Galeras, con loita olímpica, agility, boxeo, pesca, xadrez, ioga, karate, aikido, esgrima…

Encontros entre Corporación e xornalistas
Os políticos e políticas de Raxoi e os/as xornalistas disputarán a partir das 12:30 horas dous partidos de media hora de duración no complexo de Santa Isabel. O primeiro deles será de rugby e o segundo de deporte adaptado. Para apuntarse só é preciso enviar un e-mail a festadodeporte.santiagodecompostela.gal. O obxectivo destes encontros non é outro “que gozar da festa, reforzar os lazos e pasar un bo anaco”, indicou Noa Morales.

As actividades comezarán ás 11:00 horas de forma simultánea en todas as sedes e finalizarán ás 20:30 horas. A partir de entón haberá unha pequena festa de peche no Campo de Fútbol de Santa Isabel. A Festa do Deporte está aberta a toda a familia e poderase participar achegándose ás diferentes sedes e actividades.

A única que precisa que a xente se anote antes é a de mergullo. As persoas que desexen participar deberán anotarse pola mañá e participarán pola tarde.