O Concello de Fene foi escenario esta mañá dunha xuntanza a tres bandas protagonizada por representantes de Abanca, da corporación municipal e da veciñanza de San Valentín cun único asunto enriba da mesa: o peche da sucursal da entidade en San Valentín. Unha cuestión que provocou a contestación social de todo o barrio e o pronunciamento municipal a prol do mantemento da oficina, situada na zona máis populosa do concello onde, ademais, ese é o único banco dispoñible. O encontro durou algo máis dunha hora e, segundo comunicou o alcalde, Abanca adoptou finalmente o compromiso de non pechar e de asegurar que o servizo se siga prestando como ata agora.
A xuntanza estaba prevista inicialmente para mañá na Coruña. Porén, a propia Abanca ofreceu a posibilidade de adiantala un día e o goberno local solicitou que se celebrase na casa consistorial, onde a iso das 11 desta mañá se deron cita o alcalde, os portavoces dos grupos municipais, tres representantes veciñais de San Valentín e catro por parte da entidade bancaria.
Segundo o alcalde, a xuntanza desenvolveuse “nun tono totalmente cordial” no que tanto o Concello como a veciñanza expresaron a preocupación ante o anuncio de peche feito por Abanca hai dúas semanas que, ademais, viría confirmar os rumores que circulaban polo barrio desde principios de ano.
O anuncio provocou o rexeitamento veciñal, manifestado con concentracións impulsadas desde o Centro de Promoción Social e coa recollida de máis de 1.500 sinaturas, pero tamén o municipal, que aprobou en pleno demandar o mantemento da oficina e reconsiderar a continuidade do Concello como cliente de Abanca no caso de que prosperase a clausura da sucursal de San Valentín.
O peche deixaría a Fene con só dúas oficinas das cinco que tivo noutro tempo o conglomerado de Nova Caixa Galicia -Caixa Galicia, Caixanova e Banco Etcheverría- e ningunha delas nun barrio que é o máis poboado de Fene, tamén un dos máis envellecidos e cunha configuración urbanística, de mobilidade e de conexión co resto do municipio que lle esixen ter os servizos propios dunha cidade a pequena escala, incluído o banco.
Eses foron, precisamente, algúns dos argumentos utilizados tanto polos grupos políticos como pola veciñanza no encontro desta mañá, onde os representantes de Abanca “mostráronse dispostos ao diálogo e receptivos en todo momento ás peticións que lles fixemos”, apunta Juventino Trigo. O alcalde explicou que o banco atribuiu a “razóns de mercado e de aforro de custes” a súa intención de pechar en San Valentín, tendo en conta que no municipio aínda quedarían a sucursal de Naturais de Fene e maila de Maniños.
Con todo, na xuntanza Abanca “veu anunciar o seu cambio de postura” e comunicou que a oficina de San Valentín “vai continuar aberta como ata agora”. Para o rexedor local trátase “dunha boa noticia” que agarda “o sexa de forma definitiva”.