A Concellaría de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo Muncipal de Atención á Muller, organizou para a tarde deste xoves o obradoiro “Quen dixo medo”, co que se pretende mellorar a capacitación das mulleres para responder ante a violencia machista. A actividade forma parte da campaña de sensibilización contra a violencia de xénero que a Deputación da Coruña está levando polos municipios da provincia. Desenvolverase entre as 18.00 e as 20.30h. no Centro Municipal de Servizos sociais de San Valentín coa participación de 15 mulleres.
Nesta campaña, a Deputación levará a cabo medidas e actuacións de diversa índole nos Concellos da provincia para abordar a violencia de xénero de forma integral. Entre os obxectivos desta campaña está o de dotar á poboación dos mecanismos, coñecementos e habilidades precisos para detectar as diversas manifestacións da violencia de xénero e actuar de xeito contundente ante ela.
Con esta actividade búscase xerar un espazo que lles permita ás mulleres de Fene identificar as agresións analizando a súa orixe, proprcionándolles habilidades e coñecementos para repeler as agresións que por razón de xénero poden encontrar na súa vida cotiá, xa sexa dentro ou fóra do fogar.
Desde a área de Servizos sociais sinalan que “resulta fundamental” dotar ás mulleres dos mecanismos de defensa tanto físico como psicolóxicos fronte a un posible agresor, “de xeito que a través das técnicas aprendidas podan saír ilesas dunha situación de perigo”.
Entre os obxectivos da sesión están a análise dos porqués da violencia sexista, a aprendizaxe de técnicas que permitan resolver con seguridade unha agresión, o reforzo da autoconfianza da muller e, por último -e, se cadra, o máis importante- concienciar ás participantes sobre os seus dereitos e capacidades “fomentando a seguridade mediante a eliminación de estereotipos sobre a debilidade física feminina”.
O obradoiro impartirao persoal con especialización en materia de igualdade e en defensa persoal e estará dividido en dúas partes: unha teórica centrada no debate grupal e outra práctica que tocará cuestións de psicoloxía e técnicas físicas de autodefensa.