A directora xeral de Patrimonio Natural salienta que iniciativas como a publicación ‘Galicia. Descubrindo o paraíso’, contribúen á promoción e difusión do patrimonio natural galego
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destaca que o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural aposta polo turismo sustentable. A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Día, recordou este obxectivo na presentación da publicación, Galicia. Descubrindo o paraíso,- editada por Hércules Edicións- que é polo traballo fotográfico de exaltación de Galicia e dos seus valores monumentais e naturais recollidas nas súas páxinas, contribúen á promoción e difusión do patrimonio natural.
A directora xeral recordou que hai uns meses a Xunta puxo en marcha o Plan de posta en valor do patrimonio natural de Galicia e que se sostén na identificación dos espazos imán da comunidade. Estes espazos imán son os espazos naturais máis recoñecidos por galegos e turistas, polo que a idea é aproveitar esa popularidade para atraer visitantes a outros espazos protexidos. Tratouse de delimitar áreas de influencia deses 17 espazos, en radios de 30 e 50 quilómetros, co fin de cubrir gran parte do territorio de Galicia, estendendo o impacto económico que xera o turismo, sempre de forma sustentable.
Entre eses espazos figuran varios dos que se destacan no libro, como as Illa Cíes e Cortegada, do Parque Nacional das Illas Atlánticas; a Praia das Catedrais; un espazo da Rede Natura 2000 como a Ribeira Sacra e os canóns do Sil; as reservas da Biosfera como a Área de Allariz, Terras do Miño ou As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; ou o Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Vixán e Carregal.
Unha das novidades deste plan é o Pasaporte da Rede de Parques Naturais (Pasaporte Natural), co que se convida aos visitantes de cada espazo a coñecer o resto dos parques naturais. Cando visiten cada un deles selarase a páxina correspondente, animando así a cubrilo integramente. É “a Compostela” dos nosos parques naturais. Está dispoñible en todos os servizos de información dos parques en galego, castelán e inglés.
Indicou que o obxectivo foi impulsar accións que requiren dunha planificación coherente e ordenada, que garanta a preservación dos espazos especialmente sensibles e a conservación da súa autenticidade e valores patrimoniais, tanto desde o punto de vista natural como desde o punto de vista cultural.