Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso felicita aos alevíns do Xuventude Oroso, subcampións do XIII Torneo de Fútbol 7 Concello de Carballo


É a primeira vez que un equipo da Fase Previa chega á final, para o que eliminaron ao Real Madrid. Os orosáns José Balsa e Jairo López lograron os premios ao mellor xogador e ao máximo goleador do torneo
O Concello de Oroso felicita aos rapaces do Xuventude Oroso, que se proclamaron subcampións do XIII Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo disputado esta fin de semana no campo de fútbol das Eiroas. “Un triunfo que ten un mérito dobre: é a primeira vez que un equipo procedente da Fase Previa chega á final do torneo e porque tiveron que eliminar a equipos de moito máis nome como o Porto, o Deportivo, o Celta, a Real Sociedade, o Xixón ou a todo un favorito como o Real Madrid, ao que venceron nas semifinais por 2-0”, explica Luís Rey Villaverde, concelleiro de Deportes.

E é que os orosáns, dirixidos por Gonzalo Goyanes, foron a gran sensación do torneo canda os campións, o AFA Angola, que non só gañou todos os partidos (só o Real Madrid foi quen de empatar sen goles na fase previa) senón que só encaixaron dous goles en todo o campionato: un dos locais do Luis Calvo Sanz e outro do Xuventude Oroso. Ademais, dous dos xogadores do Xuventude Oroso foron premiados: Jairo López, como o máximo realizador do torneo con 11 goles, e José Balsa, como o mellor xogador do campionato.

Fase previa

Ao igual que pasou hai un mes na Arousa Fútbol 7, os alevíns do Xuventude Oroso non só dominaron con claridade a Fase Previa do torneo, senón que nesta ocasión si que impuxeron o seu xogo na fase final. Así, na liguiña desputada esta fin de semana o Xuventude Oroso venceu aos locais do Luis Calvo Sanz (4-0), Celta (1-0), Porto (2-0) e Xixón (3-1); empatou coa Real Sociedade (0-0) e co Deportivo (1-1); e perdeu co AFA Angola (1-2) e co Real Madrid (0-3). Uns resultados que fixeron que se clasificaran para as semifinais como terceiros de grupo, empatados a puntos co Real Madrid e como o equipo máis goleador, con 14 tantos.

Nas semifinais contra o Real Madrid, os orosáns demostraron que a derrota ante os merengues o día anterior só foi cousa do cansazo motivado por xogar tres partidos seguidos. Nun partido moi igualado entre os dous equipos máis goleadores do torneo, os orosáns impuxeron o seu xogo e decidiron da man dos dous xogadores máis destacados do torneo, Jairo López e José Blasa, que marcaron os goles dun histórico 2-0.

Na final, o AFA Angola despregou o xogo que os fixo brillar durante todo o torneo: a súa calidade técnica individual, unha gran disciplina táctica e, sobre todo, unha superioridade física que lles permitiu vencer en 9 dos 10 partidos xogados. Os ataques do Xuventude Oroso estreláronse contra o mellor porteiro do torneo e rematou perdendo a final por 3-0.

Con este subcampionato os alevíns do Xuventude Oroso poñen o broche de ouro a unha temporada na que conseguiron clasificarse tamén para a Fase Final da Arousa Fútbol 7, onde quedaron a tan só 1 gol de clasificarse para unha fase final na que se enfrontaron a equipos como o Atlético de Madrid, París Saint Germain, R.C. Deportivo da Coruña e R.C. Celta de Vigo.