Friday 22 de November de 2024

Santiago de Compostela, sede do primeiro encontro internacional de coprodución de ficción televisiva


Santiago vai ser a sede, do 20 ao 23 de xuño, do Conecta Fiction, o primeiro encontro dedicado á coprodución de ficción televisiva entre Europa, Latinoamérca e Estados Unidos. O foro vai reunir a representantes de máis de 35 canles de televisión de referencia internacional. O alcalde e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, participou este mediodía na presentación do encontro e mostrou a súa satisfacción porque “Compostela vaia servir de lugar de encontro para os profesionais dun sector que non deixa de mostrar o seu potencial”.

Conecta Fiction está organizado pola Xunta, o ICEX España, e a Fundación SGAE, e conta co apoio do Consorcio de Santiago. Para o encontro están xa acreditados máis de 350 profesionais de 20 países. Entre eles figuran directivos de cadeas e plataformas de televisión, produtoras, distribuidoras, empresas inversoras, de servizos e asesorías xurídicas, ademais de creadores, guionistas e axentes de vendas.

Concerto da Real Filharmonía
O programa diúrno do Conecta Fiction vaise desenvolver na Cidade da Cultura, mentres que o nocturno terá os seus escenarios en diferentes espazos de Compostela. Así, o encontro arrancará o martes 20, ás 20:00 horas, cun concerto especial da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio. A formación, baixo a batuta de Geoffrey Styles, interpretará as bandas sonoras de series tan coñecidas como Game of thrones, Isabel, Allí abajo ou Sé quien eres.

O concerto estará aberto ao público xeral e os convites poderán retirarse dende mañá nos horarios habituais do despacho de billetes do Teatro Principal (martes a sábado, de 18:00 a 21:00 h) e no Auditorio de Galicia o mesmo martes 20 dende as 18:00 h.