Lembra que ata o xoves 15 de xuño estará aberto o prazo de reserva de praza para o alumnado da Escola Municipal de Música
O Concello de Lousame abriu hoxe luns o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Para anotarse só é preciso achegar a última nómina ou recibo de autónomos, así como o impreso de inscrición debidamente cumprimentado (e que se poden descargar tanto da web municipal como nos Servizos Sociais. O prazo de inscrición estará aberto ata o venres 16 de xuño no Concello de Lousame.
Integrada no programa Lousame Concilia, a Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade e inclúe unha serie de obradoiros que terán lugar nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas. O prezo mantense igual ca en anos anteriores: 15 euros/mes. Se quedan prazas libres, as familias poderán levar aos seus pequenos en días soltos simplemente avisando no teléfono 609 828 853. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día.
O Concello de Lousame convoca 40 prazas. No caso de haber máis demanda que prazas, aplicarase un baremo para a admisión no que os nenos/as empadroados/as no municipio recibirán 3 puntos e aqueles que teñan a ambos proxenitores traballando recibirán 2 puntos. Finalmente, outorgarase 1 punto aos que teñan a un dos proxenitores empregados e aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar. En caso de empate, aplicarase o criterio da orde de inscrición, seguindo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.
Escola de música
Así mesmo, o Concello de Lousame lembra que está aberto ata o xoves 15 de xuño o prazo de reserva de praza na Escola Municipal de Música para o curso 2017/2018 para o alumnado actualmente no centro. Unha escola que ofrece matrícula nas modalidades de óboe, frauta traveseira, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, bombardino, tuba, percusión, piano, guitarra, música e movemento (3 a 6 anos), linguaxe musical, banda de música infantil e ensemble de guitarras. O xoves 15 de xuño abrirase o período de reserva de praza para o novo alumnado, que disporán ata o 30 de xuño para formalizar a súa inscrición. Máis información no Concello de Lousame ou no 981 825 780.