Saturday 16 de November de 2024

Un total de 25 artistas participarán esta fin de semana en Brión no “XII Encontro coa Arte”, que este ano inclúe un concurso de debuxo


Dedicado á figura de Carlos Casares, inclúe un concerto homenaxe do grupo Xardín Desordenado e unha exposición coas obras doadas no “X Encontro coa Arte. Lembrando a Manuel María”

Un total de 25 artistas, tanto galegos como doutros puntos de España, participarán no “XII Encontro coa Arte. Lembrando a Carlos Casares”, que terá lugar en Brión do 16 ao 18 de xuño. Tres días nos que pintores, fotógrafos, músicos e escritores chegarán a Brión para lembrar ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Como novidade desta edición, o Encontro coa Arte convoca un concurso de debuxo e pintura rápida dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos. O certame celebrarase o domingo 18 de xuño, entre as 10:00 e as 13:00 horas, e os participantes, divididos en tres categorías, repartiranse vales de agasallo para libros, xogos ou material escolar por importe de 300 euros. As técnicas empregadas, o material e a temática son totalmente libres, se ben as obras non deberán ser inferiores a un folio A4 e os participantes deberán selar o soporte da obra o propio 18 de xuño, entre as 10:00 e as 10:30 horas, na Casa da Cultura de Brión. Inscricións na Casa da Cultura de Brión ou no 981 50 99 08.

Actividades

O Encontro coa Arte é unha oportunidade única para contemplar en vivo o traballo de 25 creadores procedentes de diferentes recunchos de España. Cun lenzo en branco para plasmar a beleza de diferentes lugares de Brión, cada un dos artistas improvisará o seu particular estudio ao aire libre para traballar durante unhas horas de cara ao público. Estes obradoiros de pintura ao natural terán lugar na contorna do Río Pego (sábado pola mañá) e na Carballeira de Santa Minia (domingo pola mañá).

O evento deste ano tamén inclúe a inauguración da exposición das obras doadas no “X Encontro coa Arte. Lembrando a Manuel María”, celebrado en 2015. O acto de inauguración terá lugar o venres 16 de xuño, ás 21:30 horas, na Sala Municipal de Exposicións da Casa da Cultura e contará coa actuación especial da cantautora ferrolá Paloma Suanzes. A programación musical tamén inclúe un concerto-homenaxe dedicado a Carlos Casares a cargo do grupo Xardín Desordenado que terá lugar o sábado 17 de xuño, ás 21:00 horas, no Centro Social Polivalente. Un recital de acceso libre ata completar aforo, onde se incluirán cancións con diversos textos de Carlos Casares.

Ademais, como en edicións anteriores, haberá na sala de exposicións da Casa da Cultura un Mercado da Arte onde o público que o desexe poderá visitar unha galería de arte con obra dos distintos artistas participantes á venta.