Saturday 23 de November de 2024

Último aviso para quen non vexa algunha canle da TDT por culpa da telefonía móbil


O Concello de San Sadurniño está informando desde 2016 ao respecto das interferencias das novas antenas de telefonía móbil sobre o sinal de TDT. E é que o despregamento da tecnoloxía 4G pode anular a recepción dunha cadea de televisión ou de varias. Tanto o Estado como as operadoras sábeno, e por iso se puxo en marcha en 2015 a entidade LLega800, que ten como misión solucionarnos o problema sen que nos custe un peso. Por iso, se notamos que nos falla a televisión sen razón -unhas canles vémolas e outras deixamos de velas sen facermos nós nada- debemos chamar de luns a sábado ao 900 833 999 en horario de 9 a 22.00h. A chamada é gratuíta e, despois de facela, hannos mandar persoal técnico que arranxe a incidencia tamén gratis. Iso si, hai que bulir, xa que a entidade finalizará a prestación deste servizo o próximo 30 de xuño.

O despregamento da tecnoloxía LTE na banda de 800 Mhz (o 4G) obrigou a mover antes varias canles da TDT para deixarlles libre esa frecuencia ás operadoras de telefonía móbil. Esa liberación quedou completada en abril de 2015 e desde aquela puxéronse en marcha novas estacións capaces de ofrecer ata 150 “megas” de velocidade de conexión á Internet. Porén, esta fase de posta en marcha pode causar interferencias na recepción do sinal de televisión e de aí que as operadoras creasen a entidade llega800, que ofrece información e incluso a instalación gratuíta dun dispositivo que corrixa as interferencias debidas ao 4G.

Na maioría dos casos abondará con poñer un simple filtro de frecuencias que blinde a antena de televisión contra os efectos do 4G. Se non queremos agardar e temos algo de xeito, cunha tesoira e un desparafusador podemos facer nós o amaño: imos a unha tenda de subministros electrónicos, pedimos un “filtro para o 4G” e, xa na casa, instalarémolo entre a antena e o repartidor do sinal para as distintas estancias da casa. É moi doado de facer e vén tamén moi ben explicado nas instruccións do propio filtro, que custa entre 7 e 15 euros dependendo do modelo.

Pero tampouco temos que facelo se non queremos, para iso está LLega800. Así, se notamos interferencias ou que deixamos de ver algunhas canles -ou todas- debemos contactar coa entidade a través da web www.llega800.es ou desde o teléfono gratuíto 900 833 999 para que nos manden un/unha antenista e que nos arranxe o problema sen custo.

Desde este organismo acaban de informar ao Concello de que o despregamento do 4G no noso territorio está completado desde hai meses e que, polo tanto, xa se deberían ter solventado todas as incidencias. Por iso sinalan que, de quedar algún fogar con problemas de recepción, deberá contactar con Llega800 antes do día 30 de xuño, data na que rematará en San Sadurniño o período de asistencia gratuíta.

Aínda así, desde a entidade tamén indican que avisarán con tempo de antelación suficiente no caso de poñer en marcha no futuro novas estacións que poidan afectarnos. Se se dese esa hipótese tamén habería un periodo posterior de subsanación de problemas totalmente de balde.

¿Cal é a mellor opción para conectarse a Internet?
As operadoras están gastando inxentes cantidades de cartos en promocionar o 4G como a tecnoloxía definitiva para a telefonía móbil agora que as táblets e os teléfonos son os dispositivos que máis se usan para acceder á Internet e todos os seus servizos.

Porén, o 4G tamén parece que vén solucionar o retraso que sofren as zonas rurais no acceso a unha banda larga de calidade, como é o caso de San Sadurniño. De feito, tanto Orange, Vodafone como Movistar xa ofrecen conexión á Internet nos fogares mediante sinxelos enrutadores wifi que levan no seu interior a tarxeta dun móbil. Naqueles puntos onde hai cobertura 4G xa se benefician de velocidades impensables ata hai pouco: 50-70 megas de descarga e 20-25 megas de subida. Iso si, con contratos que van dos 30 aos 50 euros mensuais, suxeitos a permanencia e cun tráfico mensual limitado.

As ofertas están cambiando continuamente pero, por exemplo, Orange ofrece 35 GB mensuais por 34,95 € euros, a súa filial Amena mellora a oferta baixando o prezo con 40GB por 30 euros e Vodafone-Ono anda nos 50 euros con 50GB de tráfico e liña asociada.

A día de hoxe, a única opción para ter internet sen fíos na casa sen límite de tráfico e por un prezo asequible é o paquete Movistar Internet Radio, aínda que cunha velocidade máxima de 20 megas de descarga e 800kb de subida e sempre que na zona non haxa posibilidade de ADSL.