Unha vez analizada a documentación aportada polos promotores do proxecto, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio descarta que o desenvolvemento da proposta xere efectos significativos sobre o entorno
Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conclúe o trámite de avaliación ambiental do proxecto de urbanización do polígono de San Pedro de Visma, na cidade da Coruña. Unha vez revisada a documentación achegada polos promotores deste proxecto, a Xunta de Compensación deste polígono, o departamento autonómico competente en materia ambiental resolve favorablemente ao descartar que o seu desenvolvemento implique efectos significativos no medio ambiente.
O resultado favorable foi comunicado ao Concello da Coruña, que é quen ten as competencias para aprobar este proxecto parcial cuxo obxecto é definir as obras e os materiais necesarios para a urbanización dun espazo de máis de 172.000 metros cadrados, nos que se prevén infraestruturas viarias, servizos básicos de abastecemento e saneamento, alumeado, telecomunicacións, zonas verdes e superficies de aparcamento.
Aínda que o resultado da avaliación ambiental é positivo, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio considera necesario adoptar unha serie de medidas durante as fases de execución e funcionamento do proxecto, co fin de garantir a calidade ambiental e a protección do patrimonio natural e cultural. Neste senso, o departamento autonómico sinala a importancia de minimizar as emisión á atmosfera mediante o emprego da maquinaria axeitada e a xestión de residuos conforme á lexislación vixente, dando prioridade á reciclaxe ou reemprego fronte a eliminación a vertedoiro.
Na mesma liña da prevención e redución das emisións á atmosfera, o departamento de Medio Ambiente considera necesario controlar os niveis de presión sonora e, sobre todo, que cumpran coa normativa e as ordenanzas municipais.
Tamén sinálase a importancia de promover a instalación de sistemas de enerxía renovables para o abastecemento do alumeado público e a sinalización. Do mesmo xeito, agárdase un nivel de luz axeitado ás zonas e ás actividades que nelas se desenvolvan e, en todo caso, evitar excesos lumínicos e a emisión directa ao ceo.
No que se refire á protección das especies vexetais, Medio Ambiente considera oportuno o emprego de especies autóctonas nas tarefas de axardinamento e na creación de pantallas verdes. En calquera caso, sempre se evitará a proliferación de especies invasoras, tamén cando se produzan movementos de terra, que han de reducirse o máximo posible e garantir un equilibrio entre as terras extraídas e as aportadas.
Por último, con obxectivo de garantir o cumprimento de todas estas medidas protectoras, realizarase de forma paralela un programa de control e vixilancia.