O Pleno aprobou por unanimidade un proxecto de arranxo de pistas en todas as parroquias por un importe de máis de 241.000 euros
O Concello de Frades pechou o exercicio orzamentario de 2016 cun remanente de tesourería positivo de 91.862,42 euros e un período medio de pago anual de tan só 4,24 días. Así o anunciou o concelleiro de Facenda, Manuel Ferreiro Marzoa, na sesión plenaria ordinaria deste mes de xuño.
“Os números son francamente positivos”, explicou Ferreiro Marzoa, quen salientou que “estamos ao día no pago das factura. Fixemos os pagos das facturas que entraron a 2 de xuño e o período medio de pago do ano 2016 foi de tan só 4,24 días”. Pola súa banda, o alcalde de Frades, Roberto Rey, lamentou que “ese remanente non se pode utilizar mentres non cambien a lei estatal, xa que non temos débeda que amortizar”.
Neste sentido, indicou que o Concello de Frades apoia as peticións realizadas tanto da FEMP e da FEGAMP para que se permita dispoñer deses remanentes aos municipios que cumpren coas súas contas. Un punto no que o concelleiro de Facenda remarcou que o Concello de Frades cumpre co Plan Económico e Financeiro, coa Regra de Gasto e co Equilibrio Orzamentario.
Aglomerado de pistas municipais
Así mesmo, o pleno aprobou por unanimidade o proxecto de obras “Mellora do firme e seguridade viaria en Papucín, Vitre e outros” que, como explicou Roberto Rey, “inclúe limpeza de cunetas, bacheo, aglomerado continuo, sinalización horizontal e vertical e pintura de liñas polas dúas marxes de pistas municipais en todas as parroquias, onde se actuará nas pistas que sofren un maior degaste”. Un proxecto que será financiado con cargo aos orzamentos de 2017 do Concello de Frades. A maiores, o pleno aprobou o expediente de contratación da obra, así como solicitar os permisos pertinentes a Augas de Galicia e a Patrimonio.