Friday 22 de November de 2024

Os puntos de vertido incontralado localizados no concello de Miño estará rematados a vindeira semana


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mantivo unha reunión co rexedor municipal, ao que lle informou das tarefas de limpeza que está levar a cabo a Dirección Xeral de Calidade Ambiental nos lugares de Barcia, Bra e Bañobre

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle esta mañá ao alcalde de Miño, Ricardo Sánchez, que os traballos de erradicación dos puntos de vertido incontrolado localizados neste municipio rematarán a vindeira semana.

A responsable de Medio Ambiente indicou que se trata dunha actuación que leva a cabo a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, dentro dunha campaña de erradicación de puntos de vertido incontrolado e que, nos próximos meses, implicará actuar nuns 20 focos -que se engaden aos localizados nos lugares de Barcia, Bra e Bañobre, en Miño- e que suman un investimento de 212.000 euros.

Os puntos de vertido incontrolado, nos que se acumulan residuos sólidos de moi distinta natureza, supoñen un risco para a saúde pública, poden ser orixe de incendios e accidentes, constitúen un importante foco de contaminación e producen un impacto paisaxístico negativo. A súa limpeza permite minimizar e corrixir a afectación orixinada, logrando a restauración da contorna e previndo a proliferación de novos amoreamento ao eliminar o hábito de depositar lixo nestes lugares.

Os traballos que xa se están levando a cabo consisten en clasificar os residuos para a súa reciclaxe ou valoración, no perfilado e acondicionamento dos residuos inertes e na revexetación mediante o estendido de terra e a sementeira con especies pratenses

Mato Otero recordou que a Xunta manterá a súa loita contra a contaminación e promoverá a rexeneración ambiental dos espazos degradados durante os dous próximos anos. Por iso, o Goberno da Xunta investirá 1,5 millóns de euros para continuar co apoio ás entidades locais na erradicación e restauración dos espazos degradados.

Cómpre destacar que estas actuacións encádranse no Subprograma de clausura de puntos de vertido incontrolado, recollido no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020, e dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras iniciativas como a construción de novos puntos limpos e a eliminación de vertedoiros municipais.