Friday 22 de November de 2024

Dende o vindeiro luns xa se poden solicitar os novos composteiros en Ordes



Entregaranse de balde 50 destes elementos entre veciños e veciñas que teñan vivenda unifamiliar con xardín ou finca. A iniciativa parte da colaboración conxunta entre o Concello e SOGAMA

Dende este luns e ata o próximo 23 de xuño poderán solicitarse os novos composteiros no Concello de Ordes. En total repartiranse 50 novos elementos deste tipo de 350 litros de capacidade cada un, grazas á campaña levada a cabo conxuntamente entre o Concello de Ordes e Sogama. Estes van destinados a particulares con vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín.
Por parte da Concellería de Medio Ambiente quérese así reducir a produción de residuos en orixe e maximizar o aproveitamento da materia orgánica a través da súa conversión en compost. Unha medida que tamén contribúe a diminuír a frecuencia de recollida e transporte do lixo o que se traduce nunha baixada do importe da factura a pagar a Sogama, sen esquecerse tampouco da conseguinte redución de emisións de CO2.
A nova partida de recipientes unirase aos 52 xa subministrados por Sogama neste concello a finais do ano 2015, facendo un total de 102 os composteiros domésticos cos que conta o municipio a día de hoxe. O reparto dos novos composteiros está previsto que se leve a cabo a partir do 26 de xuño.
Asesoramento
Dende o Concello de Orde levaranse a cabo plans de formación para a veciñanza participante nesta nova quenda. O mesmo persoal será o encargado de facer o seguimento da experiencia para comprobar o seu correcto desenvolvemento, solucionar as dúbidas e correxir posibles erros. Todo isto de cara á obtención dun compost de calidade que cumpra cos requisitos esixidos pola normativa.

Factores como a correcta situación do composteiro, coñecer con exactitude os materiais que se deben depositar e o control da temperatura ou a humidade son algúns dos elementos condicionantes para a calidade do compost. Sogama ten á disposición da cidadanía a páxina web www.compostaconsogama.gal, na que se facilita toda a información para garantir o correcto desenvolvemento da técnica. Inclúe vídeos divulgativos, xogos en liña para escolares e incluso un titorial sobre como fabricar composteiros a partir de diversos materiais reutilizados.