Saturday 16 de November de 2024

Cambre esixe á Consellería de Infraestruturas información sobre a actuación de seguridade viaria na AC-214 na Xira, en Sigrás


Cambre, 9 de xuño de 2016. O Concello de Cambre enviou no mes de abril a cesión dos terreos da Xira, en Sigrás, para a realización da actuación en seguridade viaria que anunciou a Consellería de Infraestruturas en 2014

Tres anos despois da contratación e realización do proxecto construtivo da ampliación da AC-214 desde o Mesón Vasco ata a Nacional 550, existe unha desinformación que preocupa aos veciños desta parroquia e ao Concello de Cambre.

Segundo o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, enviáronse varios requirimentos de información para saber o estado do proxecto de execución das beirarrúas e a ampliación dun viario que carece de seguridade e que non garante o paso dos veciños da zona de forma segura. Lembra que durante meses o departamento de Urbanismo e especialmente varios veciños de Sigrás levaron a cabo un labor extraordinario para conseguir as cesións dos propietarios das parcelas que lindan coa estrada co obxectivo de facilitar e abaratar os custos á Xunta.

“O que pedimos non é máis que coñecer cando se procederá á licitación das obras. Levamos moito tempo esperando por elas e a Consellería non responde o correo que se lle enviou”.

“Creo que a conselleira, neste caso, debe comprometerse como o fixo no seu caso o seu antecesor no cargo e como consta nas partidas orzamentarias do seu departamento. Debe sentar connosco e cos veciños para dar explicacións sobre esta obra. Espero que a súa cor política non sexa un obstáculo para garantir a seguridade dos veciños e veciñas da Xira, posto que cando gobernou o Partido Popular anunciouse o proxecto aos catro ventos e agora non sabemos nada da súa execución”.