Os grupos Faíscas da Pontraga, Amigos do Acordeón Sigüeiro-Oroso e Buxos Verdes realizarán pasacalles e a asociación “Sigüeiro vende” ofrecerá vales cun 10% de desconto con cada consumición
Variedade. Esta é a palabra que mellor define a oferta culinaria dos trece locais hostaleiros de Sigüeiro que participan na oitava edición do concurso “De Tapa en Tapa”, que afronta a súa fase final este venres, sábado e domingo. A concelleira de Comercio, Vanesa Boo, amósase moi satisfeita co desenvolvemento do certame xa que “durante a pasada fin de semana houbo bastante xente nos locais, non só veciños e veciñas de Oroso senón moita xente de fóra, polo que agardamos poder repetir esta fin de semana e igualar esas 4.500 tapas degustadas na edición do ano pasado”.
De feito, a afluencia foi tal que nalgúns momentos puntuais mesmo ralentizou a saída das tapas nalgúns dos trece locais participantes este ano: Bar Tapas, Café Bar Xardín, Bar Sigüeiro, Restaurante Mirás, Cervecería Folk, Bar Sigüeiro, Cafetería Ché, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, Cafetería 6 Ríos, Anbore Coffe Bar, Bar X que no?, Mesón Tambre e Sigü Café. Cada local disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar os seus votos, con cando menos 5 selos dos locais participantes. As tapas gañadoras serán elixidas por votación popular dos clientes, que decidirán os tres premios para os bares participantes: 300, 200 e 100 euros, máis diploma acreditativo.
Dobre premio
Ademais dos atractivos culinarios do Concurso, nesta edición o cliente recibe un dobre premio. En primeiro lugar, coa súa consumición recibe un vale desconto da asociación de comerciantes “Sigüeiro Vende”, cun 10% de desconto nas compras que se fagan nos locais asociados antes do 30 de xuño. A maiores, se o cliente cuña o boletín do concurso en cando menos cinco locais participantes no concurso, pode participar no sorteo de unha tablet, unha estancia nun balneario, 4 vales de compra en supermercados do concello (dous de 100 € e outros dous de 50 €), tres botellas magnum de Terras do Cigarrón e un agasallo de Vermú Petroni.
As degustacións comezarán mañá venres 9 de xuño, en horario de 20:00 a 23:30 horas. As do sábado terán lugar de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 e 23:30 horas, e contarán coa actuación musical do grupo ordense Faíscas da Pontraga, que farán un pasacalles por Sigüeiro. O concurso pecharase o domingo 11 de xuño coa degustación en horario de mañá, de 12:00 a 15:00 horas, e coa actuación da asociación cultural Buxos Verdes e os Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso.