O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe as modificacións que se van poñer en marcha en distintas zonas de aparcamento a partir do 1 de xullo, e que lle afectan fundamentalmente á cidade histórica. Xan Duro explicou que os cambios, que serán aprobados mañá pola Xunta de Goberno, “responden ás solicitudes recibidas no Departamento de Tráfico, tanto por parte de particulares como de asociacións veciñais”. Ademais, dixo, “atenden á filosofía do Executivo de potenciar a vida na zona vella, máis alá da actividade turística”.
Unha das principais novidades anunciadas polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia é a creación dunha nova área de estacionamento na rúa de Domingo García Sabell, que comunica Galeras con Carretas e Entrerríos. Xan Duro explicou que esta rúa “conta na actualidade con dous carrís infrautilizados, polo que o carril da dereita en sentido subida será transformado en 23 prazas de aparcamento”. O concelleiro explicou que esta zona regularase co sistema ORA, sendo zona azul polo día e reservándose o estacionamento da noite para os vehículos da zona monumental. Ademais, habilitarase unha área de carga e descarga.
Máis áreas para residentes
Ademais, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia anunciou que a praza de San Clemente pasará a ser zona de aparcadoiro para residentes en horario nocturno. Deste xeito, gañaranse 38 prazas para a veciñanza da zona histórica.
Outra das modificacións que aprobará mañá a Xunta de Goberno ten que ver coa rúa da Costa Vella, que na actualidade permite o aparcamento libre polo día e está reservada para residentes pola noite. A partir do 1 de xullo será zona de residentes as 24 horas, gañando así 33 prazas para a veciñanza da cidade histórica.
Con todas estas modificacións, os residentes da cidade histórica pasarán a contar con 115 prazas de estacionamento.
Novos horarios
Tamén haberá cambios na praza da Algalia de Abaixo, que vai recuperar o antigo horario de zona ORA. En febreiro de 2016 acordárase adiantalo ás 8 da mañá, e agora vólvese situar o inicio da regulación nas 10:00 horas. Deste xeito, tal e como explicou Xan Duro, “preténdese facilitar o estacionamento de residentes polas noites, que moitas veces tiñan que madrugar unicamente para retirar o seu vehículo da zona ORA antes das 8 da mañá”. Nesta área de aparcadoiro hai 21 prazas.
En relación aos horarios, tamén se vai atrasar o inicio do horario para residentes na rúa de Carlos Maside, para atender ás necesidades dos usuarios do centro sociocultural e do pavillón deportivo próximos. Ata agora o aparcamento libre era ata as 21:00 horas, e pasa a ser ata as 23:00 horas.
Por outra parte, o Goberno acordou darlles ás rúas do Pombal e Rodas o tratamento de zona monumental, de xeito que os seus veciños poidan utilizar as áreas de aparcamento reservadas a residentes.
Tamén atendendo a peticións veciñais, a Xunta de Goberno aprobará mañá a inclusión na zona de residentes da Almáciga das rúas Caramoniña, Ánxel Casal e praza de Camilo Díaz Baliño.