A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio invita aos concellos da ría do Burgo a sumarse á Comisión que creará o Estado para impulsar o dragado da mesma
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, recordou esta tarde que a Xunta de Galicia cumpriu cos seus compromisos para mellorar o estado das augas da ría do Burgo.
Recordou que desde o ano 2011 a Xunta e os concellos levaron adiante o Plan de saneamento local, que se suman aos esforzos levados a cabo pola Administración autonómica nos últimos 15 anos, que se cuantifican en máis de 100 millóns de euros.
Tamén destacou que se veñen de poñer en marcha e que estarán operativas ao longo do 2018 as últimas actuacións dste plan, como son a construción dun sifón para optimizar os bombeos do Temple e Pasaxe (actuación valorada en 2,1 millóns, está en proceso de adxudicación) e o tanque de tormentas de Santa Cruz, en Oleiros, cun investimento de preto de 4 millóns e cuxos traballos comezaron o pasado mes de abril. Aclarou que “o que tiña que facer a Xunta xa o fixo” e o resultado é que a ría presenta unha situación moi boa no que respecta aos vertidos.
Beatriz Mato invitou aos concellos que se ubican na marxe da ría do Burgo a sumarse e participar na Comisión que creará o Estado para impulsar de xeito definitivo o dragado da Ría do Burgo. A conselleira indicou que este foi un dos compromisos que a secretaria de Estado de Medio Ambiente lle comunicou nunha reunión recente, na que lle trasladou que unha vez que o Goberno central teña o informe definitivo sobre a obra, porase en marcha dita comisión na que estean presentes todas as administracións implicadas.
Será un instrumento que servirá para dar seguimento a esta importante obra e que asesorará á dirección técnica e aos responsables do plan de vixilancia ambiental, que “estará operativo antes, durante e despois da obra” e realizará un control ambiental das augas da ría, da flora e da fauna, concretou.
Asemade, solicitou rigor aos representantes parlamentarios para “evitar confundir ou xogar a confundir” á opinión pública, xa que o saneamento integral e o dragado da ría son dous conceptos totalmente diferentes, así como as súas competencias, pois a retirada dos lodos da ría é competencia estatal.
A conselleira precisou que, a pesar de ter feitos os deberes, o Goberno galego seguirá instando ao Estado para que o dragado da ría sexa unha realidade no prazo máis breve posible, polo que a Xunta estará vixiante para que se orzamente e se execute todo o necesario para o desenvolvemento desta actuación.