O alcalde de Ordes destaca o seu interese por este proxecto e polas ventaxas que aportaría a distintos niveis para o municipio. Con 38 quilómetros este tramo sería o de maior lonxitude de toda Galicia
O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, asistiu en Santiago ao acto de sinatura do protocolo para o desenvolvemento da Vía Verde entre Santiago e Cerceda. Un acordo que tamén foi asinado por Martiño Noriega, Antonio Pereiro, José García Liñares e Manuel Mirás, rexedores de Santiago, Tordoia, Cerceda e Oroso respectivamente. .
Martínez Sanjurjo salientou a importancia que ten formar parte dun proxecto como a Vía Verde Santiago-Cerceda, “polas ventaxas que aporta a nivel económico, turístico, deportivo, ambiental, paisaxístico etc”. Tamén fixo alusión á cercanía con Santiago de Compostela “Ao ser un punto de encontro de camiños. A intención por parte do Concello de Ordes “é que esta Vía Verde sexa unha realidade no menor prazo de tempo posible e que se converta nun referente para toda Galicia”. Neste punto sinala Martínez Sanjurjo “que si os prazos máis optimistas se fixeran realidade co inicio dos traballos en 2018, a inauguración podería realizarse no 2019”.
Grazas ao novo acordo asinado hoxe vexe ampliado o proxecto inicial do 2008 da Vía Verde, coa inclusión dos municipios de Tordoia e Cerceda. Deste xeito pasará de 24 a 38 quilómetros de lonxitude, sendo a maior de todo o territorio galego. Un proxecto que xa está en posesión da Fundación dos Amigos do Ferrocarril de España, ente encargado de xestionar a rede das Vías Verdes.
Cesión
Os cinco concellos implicados xa lle teñen solicitado a Adif a cesión deste treito da antiga vía férrea, ao tempo que se mostraron dispostos a asumir a xestión, promoción e mantemento da infraestrutura. Con este acordo comprométense a colaborar nas xestións necesarias para conseguir o financiamento de cara a súa promoción e aportar recursos propios a disposición do proxecto. O protocolo contempla a creación dunha comisión para o seguimento e desenvolvemento das actuacións que se reunirá, polo menos, unha vez cada tres meses, a cal estará formada por dous representantes de cada municipio.
Pola súa banda Martiño Noriega explicou que os cinco concellos implicados “levan meses traballando no proxecto, do que xa se leva falando máis de dez anos”. Apuntou tamén a importancia do acordo acadado co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), quedando só pendente a día de hoxe a sinatura do convenio de aceptación. Tamén fixo referencia ao avance acadado coa Deputación da Coruña, “que vai financiar boa parte da actuación”.
Pola súa banda Manuel Mirás, mostrou a satisfacción “polo enorme paso dado coa sinatura deste convenio e, sobre todo, porque o Goberno de Compostela fora quen de chegar por primeira vez a un acordo con Adif respecto á cesión dos terreos”. O rexedor tamén expresou o seu convencemento da importancia que vai ter a Vía Verde desde o punto de vista económico e turístico.