Con motivo da tradicional e arraigada festa de San Xoán, ao obxecto de previr calquera tipo de incidente co uso do lume e garantir unhas condicións de limpeza e hixiene adecuadas dos espazos públicos para que poidan ser gozados ao día seguinte por todos en perfectas condicións, esta Alcaldía establece as normas para celebrar as cacharelas de San Xoán do ano 2017, que son as seguintes:
SOLICITUDES:
– As persoas, asociacións, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela deberán presentar a solicitude correspondente no Rexistro Xeral do Concello antes das 13:30 horas do día 20 de xuño de 2017, sinalando o nome, enderezo, teléfono, correo electrónico e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización, con indicación clara do lugar de celebración, tipo de cacharela (fogueira, sardiñada…), e características do terreo onde se pretende realizar (terra, asfalto, formigón, beirarrúa, chapas, outros).
MEDIDAS PREVENTIVAS:
– Haberá sempre xente a carón do lume.
– Os responsables da organización deberán ter a man mangueiras de auga ou calquera outro medio adecuado para a extinción do lume.
– A faixa perimetral ao lume estará despexada de elementos que poidan facilitar a súa propagación. Non se poderán acender as fogueiras a menos de 15 metros de calquera edificación, tendido eléctrico, instalación de calquera tipo ou vehículo, nin a menos de 30 metros de vexetación accesoria con máis de 0,20 metros de altura, nin a menos de 50 metros das árbores.
– O montón de materiais que formen a cacharela non poderá exceder de 3 metros de altura, salvo casos concretos debidamente xustificados polas especiais medidas de seguridade adoptadas, coma o caso da fogueira de San Xoán de Palmeira.
– Non se abandonará a vixilancia da fogueira ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.
OUTRAS MEDIDAS/CONDICIÓNS:
– Está prohibida a queima de todo tipo de residuos (materiais en cuxa composición interveña o plástico, colchóns, rodas, aerosois, produtos inflamables ou explosivos…), debido aos gases tóxicos que produce a súa queima.
– Fogueiras sobre pavimentos en zonas urbanas. Excepcionalmente permitirase facer a cacharela sobre pavimentos de zonas urbanas (asfaltado, embaldosado…), sempre e cando se coloque sobre unha chapa metálica protectora ou sobre unha capa de area de polo menos 10 centímetros.
– Fogueiras nos areais e praias do termo municipal. Con carácter xeral non se permitirá facer fogueiras sobre os areais. Excepcionalmente poderán autorizarse pequenas fogueiras naqueles areais que non contan con algunha figura de protección. Nestes casos a madeira que se utilice para a realización das fogueiras debe estar desprovista de puntas, cravos ou calquera outro elemento similar (a presenza destes elementos e a súa facilidade para introducirse na area pode provocar importantes danos aos usuarios das praias en días posteriores). Pola mesma razón prohíbese o uso de envases de vidro nos areais. A persoa solicitante será a responsable dos danos que se poidan ocasionar aos usuarios das praias pola omisión das condicións sinaladas anteriormente.
En calquera caso non se permitirá a realización de fogueiras nos areais dos espazos naturais protexidos: Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (praias: Ladeira, Lagoa, Vilar e Anguieiro), Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (praias do arquipélago de Sálvora), LIC Complexo Húmido de Corrubedo (praias da liña costeira comprendida entre o Parque Natural e Punta do Couso). Tampouco nas praias incluídas no Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia, aprobado mediante o Decreto 9/2014, do 21 de xaneiro, como área de presenza e/ou área prioritaria de conservación da Píllara da Area, entre outras: Espiñeirido, Balieiros, Ladeira, Lagoa, Vilar, Anguieiro, Penisqueira, Celeiráns, Muralla, Tasca, Catía, Castro, Coroso e Corna.
– Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento da fogueira e/ou sardiñada, nun prazo máximo de 12 horas despois de rematada.
AUTORIZACIÓN:
– Entenderanse autorizadas as cacharelas solicitadas se non media denegación expresa previa á data da celebración, e sempre e cando se cumpran as condicións e normas sinaladas neste Bando.
RESPONSABILIDADES:
– A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos ou perdas a que houbera lugar no caso de que o solicitante concorra en neglixencia ou imprudencia.
REVOGACIÓNS:
– Este Concello, por iniciativa propia ou por instancia do Servizo Territorial de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, poderá revogar a autorización nos casos que non sexa posible garantir as medidas de seguridade e prevención de incendios.
OBSERVACIÓNS:
– Non son obxecto de regulación por este Bando as comunicacións de queima de restos agrícolas amoreados, nin as autorizacións de queima de restos forestais, cuxa competencia corresponde á Consellería de Medio Rural. Sucede moitas veces que, estando os permisos suspendidos, algunhas persoas aproveitan as cacharelas de San Xoán para a queima deste tipo de materiais, pero estes feitos son motivo de denuncia.
– O cumprimento destas normas poderá ser comprobado polo GAEM, pola Policía Local, polos Bombeiros, e/ou por Axentes Forestais do Distrito Forestal IV, que darán conta das incidencias/infraccións detectadas.
NORMATIVA:
– Decreto 105/2006, do 22 de xullo, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia