A alcaldesa lembroulle á conselleira o compromiso de mellorar a capa de rodadura da AC-308 “que nos conecta con Boiro e que agardamos que se poida ir facendo por fases”
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e dos alcaldes de Lousame, Teresa Villaverde, e de Noia, Santiago Freire, supervisou o inicio das obras de mellora da conexión do núcleo de Portobravo coa vía de altas prestacións Brión- Noia, en Sampaio, que estarán rematadas o vindeiro ano, tras un investimento de 1,3 millóns de euros.
Teresa Villaverde celebrou que “grazas a esta obra, os veciños e veciñas de Lousame estarán máis preto da capital de Galicia e con maiores garantías de seguridade e maior rapidez”. A alcaldesa de Lousame enmarcou este proxecto “dentro dos compromisos que o presidente Feijoo ten con esta comarca, pois infraestruturas coma esta ou todas as que leva feito nos últimos anos benefician ao conxunto da comarca” e valorou que estes importantes investimentos “se fagan en tempos economicamente difíciles”.
Así mesmo, a alcaldesa de Lousame aproveito para recordarlle á conselleira de Infraestruturas e Vivenda que “temos o compromiso da mellora da capa de rodadura da vía interior da AC-308 que nos conecta con Boiro e que agardamos que se poida ir facendo por fases”. Neste sentido, Villaverde agradeceulle a Ethel Vázquez “o teu compromiso con Lousame e coa comarca, que vemos reflectido hoxe no inicio desta obra”.
Nova infraestrutura
A nova infraestrutura viaria, de 900 metros de lonxitude, iníciase en Portobravo e permitirá chegar á VAP Brión – Noia en menos de cinco minutos. Así, reducirase en algo máis de 1 quilómetro a lonxitude que actualmente percorren os usuarios, evitando varias interseccións. As obras que veñen de iniciarse consisten na construción dunha vía de novo trazado que discorre polo termo municipal de Noia pero que beneficiará directamente aos veciños de Lousame, dotando tamén de maior accesibilidade o núcleo de Noia e ao seu polígono industrial.
Vázquez Mourelle salientou que estes traballos reportarán importantes beneficios para veciños e usuarios, que contarán cunha nova conexión entre Portobravo e a vía de altas prestacións que comunica Santiago con Noia para realizar os seus desprazamentos habituais de forma máis segura, máis áxil e tamén máis cómoda.
A titular de Infraestruturas subliñou que o Goberno galego está a transformar os proxectos en feitos, en obras xa en execución que dotarán aos veciños de Lousame e de Noia de mellores comunicacións, de máis comodidade nos seus desprazamentos cotiáns e que redundarán na mellora da súa calidade de vida.