Monday 25 de November de 2024

Asinado o protocolo de colaboración para o desenvolvemento da Vía Verde Santiago-Cerceda


O alcalde presidiu hoxe o acto de sinatura do protocolo para o desenvolvemento da Vía Verde entre Santiago e Cerceda. O acordo foi asinado por Martiño Noriega e polos rexedores de Oroso, Manuel Mirás; Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo; Tordoia, Antonio Pereira Liñares; e Cerceda, José García Liñares.

O convenio asinado hoxe substitúe ao que fora subscrito no ano 2008, e que contemplaba a creación dunha Vía Verde entre Santiago e Ordes. Agora, incorpóranse ao acordo dous concellos máis, Tordoia e Cerceda, de xeito que a Vía Verde pasará de 24 a 36,9 quilómetros de lonxitude.

O alcalde compostelán explicou que os cinco concellos implicados “levan meses traballando no proxecto, do que xa se leva falando máis de dez anos”. Neste tempo, apuntou Martiño Noriega, “non se fora quen de desbloquear a cesión dos terreos por parte do Adif, un trámite que agora só está pendente da firma do convenio de aceptación das condicións do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias”. Tamén están avanzadas as conversas coa Deputación da Coruña, “que vai financiar boa parte da actuación”. Por último, a Fundación dos Amigos do Ferrocarril de España, que xestiona a rede das Vías Verdes, xa ten no seu poder o novo proxecto da Vía Verde de Santiago, ampliando o seu percorrido respecto ao proxecto de 2008.

Pola súa parte, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, mostrou a satisfacción “polo enorme paso dado hoxe coa sinatura deste convenio e, sobre todo, porque o Goberno de Compostela fora quen de chegar por primeira vez a un acordo con Adif respecto á cesión dos terreos”. O rexedor tamén expresou o seu convencemento da importancia que vai ter a Vía Verde desde o punto de vista económico e turístico.

Nesa liña incidiron os alcaldes de Ordes e Tordoia, José Luís Martínez Sanjurjo e Antonio Pereira, que salientaron a importancia que ten para dous concellos pequenos como os seus formar parte dun proxecto como a Vía Verde Santiago-Cerceda.

Primeira Vía Verde de Galicia en lonxitude
A recuperación de vías do ferrocarril en desuso para transformalas en Vías Verdes vén dando moi bos resultados en todo o Estado como ferramenta para poñer en valor as calidades ambientais, paisaxísticas, patrimoniais e históricas do contorno dos camiños de ferro. A Vía Verde Santiago-Cerceda será a de maior lonxitude de toda Galicia, e tería unha grande transcendencia e repercusión no desenvolvemento socioeconómico dos cinco concellos e na súa promoción turística.

Os cinco concellos implicados no proxecto xa lle teñen solicitado a Adif a cesión deste treito da antiga vía férrea, ao tempo que se mostraron dispostos a asumir a xestión, promoción e mantemento da infraestrutura. A sinatura deste protocolo dálle continuidade á relación de cooperación técnica que veñen mantendo os cinco municipios co obxectivo de relanzar o proxecto da Vía Verde como instrumento para o desenvolvemento económico, social e cultural dos concellos implicados. Co acordo, os cinco alcaldes comprométense a colaborar nas xestións necesarias coas distintas administracións para conseguir o financiamento destinado á promoción da Vía Verde, e tamén a poñer recursos propios a disposición do proxecto.

O protocolo contempla a creación dunha comisión para o seguimento e desenvolvemento das actuacións vinculadas á Vía Verde, que estará formada por dous representantes de cada un dos concellos incluídos no proxecto. Esta comisión terá que reunirse polo menos unha vez cada tres meses.