Saturday 16 de November de 2024

A Comisión de Vivenda propón á Xunta a adxudicación de tres vivendas na Coruña, Oleiros e Ferrol para emerxencias sociais


No caso da cidade herculina ponse a disposición dunha familia un piso conveniado con Abanca para dar resposta a un lanzamento xudicial previsto para o vindeiro 15

A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña celebrou hoxe unha reunión na que, entre outros acordos, decidiuse elevar á conselleira de Infraestruturas e Vivenda a proposta de adxudicación de tres vivendas para atender a outros tantos casos de urxencia, nos concellos da Coruña, Oleiros e Ferrol. No primeiro dos casos, a comisión propón a adxudicación dun piso pertencente ao convenio subscrito pola Xunta con Abanca, que será posto a disposición dunha familia cun lanzamento xudicial previsto para o vindeiro día 15.

Nos outros dous casos, localizados nos concellos de Oleiros e Ferrol, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) facilita dúas vivendas de promoción pública. A primeira dá resposta ao problema dunha familia de Oleiros inmersa nun procedemento de execución hipotecaria. O segundo, unha vivenda adxudicada en Ferrol, afecta a un veciño do concello de San Sadurniño en resposta a unha valoración de adxudicación directa formulada polos servizos sociais do municipio que alertaba dunha situación de vulnerabilidade.

A Xunta de Galicia aposta por convenios dirixidos a poñer a disposición dos cidadáns, e de maneira moi especial dos máis desfavorecidos, vivendas desocupadas, ofrecendo incentivos aos propietarios das mesmas e axudas aos adxudicatarios. O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, insistiu unha vez máis na necesidade de que os Concellos que aínda non se sumaron ao programa, e nomeadamente os das grandes cidades, dean o paso “para que a coordinación entre as institucións derive nunha atención máis eficaz aos menos favorecidos”.