Friday 22 de November de 2024

O alumnado do IES de Brión recibe os premios da III Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo


Recibiron unhas cámaras dixitais polos seus primeiro, segundo e cuarto premios na categoría Wall-E, para alumnado de 3 e 4º da ESO
O alumnado de 4º da ESO do IES de Brión recibiu na tarde de onte martes os seus premios da III Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, celebrada o pasado mes de maio e na que participaron máis de 800 rapaces e rapazas. Unha competición na que os alumnos e alumnas brioneses coparon tres dos catro primeiros premios da súa categoría, a “Wall-E”, de entre un total de 82 competidores de toda Galicia.

De feito, o equipo “Brión 4”, composto por Carla Villar, Ainoa Pérez, Paula Muelas e Verónica Godoy, alzouse co primeiro premio da categoría “Wall-E”, establecida para alumnado de 3º e 4º da ESO. Os equipos “Brión 3” e “Brión 5” acadaron uns meritorios segundo e cuarto postos nunha disputada final. Os rapaces e rapazas, acompañados polos seus mestres Luz Ramos, Xabier Lorenzo e Ana Santos, recibiron cadansúa cámara dixital de man de Víctor Quinteiro, mestre da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.

O instituto brionés participou con cinco equipos, tres de 4º da ESO e dous de Bacharelato. Catro destes equipos conseguiron clasificarse para a fase final logo de que os seus robots superaran un exercicio de “rastrexo”, que consistiu en seguir o percorrido de liñas rectas e curvas trazadas nun tapiz. Despois se enfrontaron a unha segunda proba, a do “varredor”, onde os robots debían moverse nun trazado dun metro de diámetro e recoller dous envases de refresco, para trasladalos fóra do circuíto no menor tempo posible.

Os rapaces e rapazas brioneses xa amosaron a súa intención de participar na próxima edición da competición, para a que mesmo suxeriron algunhas melloras como un contador por láser que permita con máis exactitude os tempos das probas, algo que mesmo se ofreceron a construír eles mesmos como proxecto para o próximo curso. A III Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo é unha proba que pretende achegar o mundo universitario ao alumnado de ESO e Bacharelato para que, dun xeito simple e entretido, se familiaricen co mundo da robótica a través da na montaxe e programación dun robot móbil co que superar as probas da competición.