Friday 22 de November de 2024

A Xunta recorda ao xestor do vertedoiro de Nostián que a finais deste mes deberá estar clausurado


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de remitir un escrito no que sinala que se trata dunha obriga recollida na Autorización Ambiental Integrada

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de instar á UTE Babcock Kommunal MBH e Técnicas Medioambientais, Tecmed, SA (Albada) a que proceda ao selado do vertedoiro, dado que o prazo dado para efectuar esta medida remata o vindeiro 30 de xuño.

Así se lle traslada nun escrito enviado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, no que tamén se sinala que o incumprimento desta obriga, establecida na Autorización Ambiental Integrada outorgada en xullo de 2015, está tipificada como unha infracción administrativa, tal e como se recolle na Lei de prevención e control integrados da contaminación.

Cómpre lembrar que en febreiro de 2016 resolveu un requirimento no que se indica que a autorización da AAI concedeuse a Babcock Kommunal MBH e Técnicas Medioambientais, Tecmed, SA UTE para a planta de tratamento de residuos urbanos da Coruña e na mesma indícase que se establece un prazo dun ano para que se execute o proxecto de selado por parte da entidade explotadora, así como a realización das modificacións precisas.

Posteriormente, a entidade explotadora presentou un recurso contencioso contra dita resolución que foi denegada. Así mesmo, foi rexeitada a solicitude de medida cautelar de suspensión da súa execución, polo que a obriga de selado é plenamente executiva dentro do prazo establecido; sen que ata o momento se teña constancia do inicio dos trabalos dirixidos ao cumprimento desta obriga.