Friday 22 de November de 2024

O Goberno destinará ao rural a totalidade das achegas provinciais do Plan POS + 2017


O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial presentou este martes os proxectos que o Goberno local incluíu no Plan POS + 2017 da Deputación da Coruña. Rafael Peña explicou que o Executivo “cumprirá o seu compromiso de destinar a totalidade destes fondos á zona rural, de xeito que as parroquias de Compostela recibirán ao longo deste ano os investimentos máis altos dos últimos anos”. A Santiago correspóndenlle case 1,7 millóns de euros do Plan POS +, dos que case medio millón de euros están incluídos no Plan Complementario, que se financiará a través de baixas nas adxudicacións ou a través de novos fondos que achegue a Deputación.

Dentro do POS + incluíuse a segunda fase dunha actuación que xa se vai iniciar este ano, para mellorar os accesos á parroquia de Marrozos a través do lugar da Cañoteira. O concelleiro de Medio Rural lembrou que a primeira fase destes traballos, financiada tamén con fondos provinciais, executarase ao longo deste verán, e suporá un investimento de 380.000 euros.

A segunda fase que se inclúe agora no POS + 2017 permitirá “ampliar a ponte sobre as vías, creando ademais unha zona peonil para mellorar a seguridade viaria”. Rafael Peña explicou que a parroquia de Marrozos “está rodeadas polas vías do tren, e iso fai que a maioría dos pasos sexan moi estreitos e xeren dificultades para o acceso de vehículos de emerxencia ou autobuses”. O investimento nesta segunda fase será de 212.000 euros.

Melloras de pavimentación e equipamentos
O concelleiro de Medio Rural explicou que parte das achegas provinciais destinarase a melloras de pavimentación. En concreto, investiranse 180.000 euros na mellora do viario de acceso a Busto “que é moi estreito e está en mal estado”; 108.000 euros no viario de acceso á aldea das Pereiras, na parroquia da Gracia; e 170.000 euros na ampliación do paso sobre o río Sar e o acondicionamento dunha senda peonil na rúa da Xunlla, en Laraño.

En canto aos equipamentos, no plan POS + da Deputación prevese unha partida de 180.000 euros para a dotación de equipamentos deportivos e de ocio en Lavacolla e outra 140.000 euros para a creación de dúas pistas polideportivas multiúsos no lugar de Carregal, na parroquia do Eixo. Tamén se creará un parque biosaúdable no entorno da igrexa de Piñeiro.

Ampliacións da rede de saneamento e abastecemento
Por último, Rafael Peña explicou que o Goberno tamén incluíu no Plan POS + o proxecto de ampliación das redes de abastecemento e saneamento nas parroquias de Aríns, Laraño e Sabugueira, por un orzamento total de 152.000 euros. O concelleiro de Medio Rural apuntou que “os traballos máis ambiciosos acometeranse en Aríns, para levar as redes a tres núcleos que supoñen unhas 40 casas”. Na Sabugueira levarase o servizo a 15 vivendas, e en Laraño actuarase no lugar de Santomil, “onde quedaron seis casas sen saneamento, cando si o teñen as vivendas situadas ao outro lado da estrada”.

Plan Complementario e outras obras
En canto ao Plan Complementario, incluíronse tres proxectos: a mellora do firme nas parroquias de Verdía, Grixoa, A Peregrina, Sabugueira e Barciela, cun orzamento de 260.000 euros; a mellora da pavimentación no viario de acceso a Lamascal, por preto de 150.000 euros; e o reforzo do firme entre Chaián e o límite do termo municipal, cun importe de case 90.000 euros.

Doutra banda, Rafael Peña aproveitou para anunciar que nas próximas semanas comezarán catro das obras incluídas nos plans provinciais PAS e POS 2016. En concreto, actuarase na estrada de Sigüeiro, no viario que vai de Reboredo a Sionlla de Arriba; na mellora do firme no lugar de Piñeiro, na parroquia do Eixo, e na mellora dos accesos a Villestro.