A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, entregou na tarde de onte luns os diplomas acreditativos da participación no Programa de Fomento do Emprego das Mulleres, desenvolvido durante 2016 polo Concello de Lousame en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña e que permitiu a realización de cinco cursos con 96 prazas de formación para mulleres interesadas en mellorar a súa empregabilidade, tanto por conta allea como a través do autoemprego.
Ao acto, que se celebrou no Club de Xubilados de Aldeagrande, asistiron gran parte das alumnas participantes nas cinco accións formativas celebradas: Horta Ecolóxica, Transformación de alimentos caseiros, Cociña e Repostería con elementos caseiros, Aproveitamento dos Recursos dos nosos Montes e Informática para Emprendedoras. Tras a entrega dos diplomas, ás que tamén asistiron as docentes dos cursos, tivo lugar unha merenda achegada polas propias alumnas.