Friday 22 de November de 2024

Cambre inicia o acondicionamento do río Mero e denuncia o roubo da varanda do paseo


O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, desprazouse hoxe ata o paseo fluvial para inspeccionar os labores de acondicionamento do río Mero que consisten na roza das marxes do paseo tras alcanzar a principios de ano un acordo coa Consellería de Medio Ambiente.

O convenio asinado coa Xunta estipula o desbroce con medios mecánicos do espazo de 2,5 m a cada lado da mota de 17 quilómetros de paseo. A Xunta colaborará cunha achega de 40.000 euros ao Concello de Cambre que será o que leve a cabo os traballos. Comezou esta semana a primeira das dúas rozas que levará a cabo o Concello.

Por outra banda, o alcalde denunciou o roubo de parte da varanda do paseo fluvial á altura da Barcala. Asegura que pouco a pouco os ladróns foron desmantelando a varanda metálica que separa o río do paseo. Adiantou que o convenio xa estipulaba o cambio da varanda por outra de madeira, unha actuación que terá lugar no outono, coincidindo coa segunda roza do río.

“Solicito aos cidadáns axuda para identificar aos ladróns que causaron esta desfeita. É un perigo para os viandantes polo que neste caso non só roubaron metal para enriquecerse ilegalmente senon que puideron causar unha desgraza”, apuntou o alcalde, que señala que arranxará a varanda antes de que remate o ano.