Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Oroso recibe material para loitar contra a proliferación da vespa velutina


O alcalde e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta asinaron a cesión dunha pértega que acada os 27 metros e está preparada para desactivar os niños desta especie

O Concello de Oroso recibiu hoxe material para as súas tarefas de loita contra a proliferación da vespa velutina. O alcalde, Manuel Mirás, asinou o acordo polo que a Xunta cede os utensilios á Administración Local coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, Belén do Campo, nun acto no que tamén participou a concelleira María del Carmen Liste, encargada da área municipal de Parroquias.

O material cedido consiste nunha pértega extensible por tramos, capaz de acadar os 27 metros de altura. No seu extremo, incorpora unha lanza para introducirse nos niños da especie invasora. Leva tamén acoplado un dispositivo de presión e unha mangueira con pulverizador para así aplicar insecticida no interior do niño. Persoal técnico da Xunta ofreceu unha demostración do seu funcionamento nas árbores da zona verde contigua á casa consistorial.

O alcalde de Oroso agradeceu a entrega do material e salientou a utilidade que terá para os efectivos de Protección Civil, que son os que adoitan encargarse da retirada dos niños de vespa velutina que aparecen no municipio. Manuel Mirás explicou que na última tempada xa foron retirados 24 en Oroso, a maior parte de carácter primario, o que foi decisivo para evitar unha maior propagación da especie.

A directora xeral explicou que están distribuíndo este tipo de material entre os Concellos para aproveitar o factor de proximidade e facer máis eficaz o control, ademais de entregarllo a asociacións de apicultores e poñelo a disposición de apicultores non asociados. Á espera de efectuar un balance completo a finais de xuño, Belén do Campo anunciou que os datos provisionais sitúan nuns 5.000 os avisos recibidos en toda Galicia no que vai ano. Deles, arredor da metade puideron ser xa desactivados.

Tanto o alcalde como a concelleira María del Carmen Liste suxeriron que a Xunta distribúa tamén trampas contra a velutina entre os Concellos, por ser un sistema moi efectivo para combater a especie. A directora xeral non o descartou, se ben precisou que as trampas teñen o inconveniente de non seren selectivas cunha soa especie, polo que deberían limitarse a zonas onde a velutina teña unha presenza notoria.