Repartirá 3.000 ecopoops, un sistema pioneiro en Galicia baseado nun recolledor de cartón reciclable que evita o consumo de bolsas de plástico e facilita a tarefa de recoller as deposicións
O Concello de Oroso puxo en marcha esta mañá, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a campaña “Eu si que o fago”, coa que pretende concienciar á súa veciñanza da importancia de coidar ben das mascotas así como de recoller as súas deposicións na vía pública, para lograr un municipio moito máis limpo. Unha campaña composta por unha serie de carteis e dípticos informativos, así como por máis de 3.000 ecopoops, un sistema pioneiro en Galicia para a recollida dos excrementos das mascotas dunha maneira máis sinxela e ecolóxica.
A campaña foi presentada hoxe a case 150 nenos e nenas de 4º e 5º de primaria dos CEIP de Sigüeiro e do Camiño Inglés polos concelleiros de Urbanismo, Antonio Leira, e de Ensino, Beatriz Rodeiro, que estiveron acompañados por Iván Ferrero, da empresa Esferic Better Thigs, e Encarnación Jiménez, coordinadora de Protección Civil de Oroso. “Decidimos presentarllo directamente aos nenos e nenas para que sexan eles os protagonistas desta campaña e nos axuden a concienciar ás súas familias”, explica Beatriz Rodeiro. Unha campaña na que o Concello de Oroso vai investir algo máis de 3.000 euros.
Sistema de recollida
O sistema “Ecopoop”, deseñado e patentado pola empresa valenciana Esferic Better Things, é un recolledor de cartón reciclado que axuda a minimizar, tanto visualmente como de forma táctil, a tarefa de recoller as deposicións das mascotas na vía pública. De feito, os pequenos coincidiron esta mañá en que o maior problema que atopan á hora da recollida dos excrementos era a desagradable sensación de estar tocando a deposición a través da bolsa de plástico. No caso de “Ecopoop”, ese problema desaparece xa que existe unha barreira sólida de cartón entre o excremento e o usuario.
O sistema funciona como unha pinza e, grazas ao seu peche fácil, permite selar o contido e convertelo nunha caixa con asas fácil de depositar nun colector para residuos orgánicos, para que se descompoña na súa totalidade. “Deste xeito conseguimos múltiples beneficios: mantemos máis limpos as nosas rúas e parques, evitamos a transmisión de enfermidades que supoñen esas deposicións e evitamos tamén o consumo de bolsas de plástico, menos biodegradables que estas caixas de cartón reciclado”, apunta Antonio Leira.
Ademais das unidades repartidas esta mañá, a veciñanza orosá poderá recoller os ecopoops no Concello de Oroso de xeito totalmente gratuíto. Así mesmo, os nenos e nenas dos CEIP de Sigüeiro e do Camiño Inglés participarán en sendos concursos para a decoración destes envases de cartón, na que os gañadores recibirán como agasallo uns “waterdops”, bolsas herméticas nas que recoller a auga que se desperdicia nas duchas mentres se vai quentando e que pode utilizarse para outros usos.
Campañas a longo prazo
O concelleiro de Urbanismo enmarcou esta campaña dentro dunha serie de actuacións que está a levar a cabo o Concello de Oroso para concienciar á poboación da importancia de coidar das súas mascotas dun xeito responsable. “Hai uns meses tivemos fixemos nos colexios unha campaña de concienciación da man da asociación Can de Palleiro, que lles explicou que unha mascota non é un xoguete senón unha responsabilidade tanto para eles como para toda a familia”, explica Leira Piñeiro, “e en anos anteriores colocamos papeleiras para recoller as defecacións dos cans e mesmo habilitamos lugares especiais para que os donos e donas poidan levar aló ás súas mascotas a facer as súas necesidades, evitando así que mexen na vía pública”.
Beatriz Rodeiro agradeceu a colaboración da comunidade educativa orosá, “pois temos comprobado que á hora de concienciar ás familias, sobre a importancia da reciclaxe, de respectar as sinalizacións ou do propio coidado das mascotas, os nenos e nenas son os mellores embaixadores. E non temos que esquecer que tamén son os cidadáns do futuro, polo que todo o que gañemos agora en materia de concienciación o desfrutaremos tamén nun futuro próximo”.