Saturday 16 de November de 2024

O Concello pon en marcha a súa programación de actividades para o fomento da economía social


A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou as actividades de fomento da economía social e colaborativa para o ano 2017. Estas accións forman parte do programa Compostela Móvese 2017, programa que recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principais fortalezas da cidade.

O obxectivo para este ano 2017 é o de consolidar como servizos abertos á cidadanía as experiencias que ata agora eran programas con data de inicio e fin. En base a esa necesidade, a partir de outono, o Cersia contará cun Servizo de Emprendemento Colaborativo e cun Servizo de Busca de Emprego Colaborativo que funcionarán de xeito continuado e permitirán traballar os procesos de busca de emprego e emprendemento de xeito grupal e aberto, buscando a cooperación entre as persoas.

Para conseguir este obxectivo, o Concello contará coas seguintes liñas de traballo en materia de economía social no marco do programa Compostela Móvese 2017:

1. Axudas a empresas de recente creación Compostela Móvese: Modifícanse de novo as bases do programa de axudas a empresas para primar as cooperativas de traballo asociado e as sociedades laborais con 2000 € máis de axuda que outras fórmulas empresariais. Se unha empresa convencional pode ter aceso a unha axuda por importe de 3.000 €, as de economía social poden ter aceso a unha axuda de 5.000 €.

2. Xornadas de Economía Social: Dedicarase a segunda edición das mesmas de xeito íntegro ao cooperativismo, mantendo a filosofía do foro como espazo de celebración, encontro e inspiración para as persoas que buscan un espazo na nova economía do ben común, nunha xornada que se celebrará a primeira semana de outubro. Na primeira Xornada de Economía Social organizada en decembro participaron máis de 150 persoas.

3. Almorzos con…: De carácter mensual, con inicio en setembro, para dar a coñecer as boas prácticas en materia de economía social, emprendemento cooperativo, responsabilidade social empresarial e economía circular presentes no Concello de Santiago de Compostela. De carácter aberto, con esta iniciativa preténdese crear un espazo de continuidade no Cersia Empresa para a reflexión e a formación nas posibilidades da economía social e as novas economías.

4. Servizo de Emprendemento Colaborativo: Programa de apoio na elaboración e posta en funcionamento de proxectos cooperativos e colaborativos en materia de emprendemento, así como na elaboración de accións de promoción e colaboración entre empresas xa constituídas. Esta acción dá continuidade ao proxecto piloto de colaboración empresarial baseado na confianza mutua e no que iniciativas empresariais xa establecidas son capaces de vincular a novas persoas en dinámicas de emprendemento cooperativo, artellando actividades conxuntas de dinamización económica.

6. Proxecto Colaboractiva: Servizo de busca de emprego colaborativo para o apoio na busca activa de emprego e intraemprendementos, no que se combinan accións colectivas de formación con titorías personalizadas. Con este servizo búscase mellorar a formación das persoas para que afronten a súa vida profesional en dinámicas de creación de iniciativas autolideradas e autoxestionadas, seguindo os principios da economía social e colaborativa e dotándoas das competencias precisas para afrontar con éxito os retos profesionais da nova economía.

7. Apertura das instalacións do Cersia Empresa ás entidades e empresas adheridas á Rede EUSUMO da Xunta de Galicia. O pasado 19 de maio aprobáronse unhas Normas de Uso dos Espazos do Cersia Empresa, así como a instancia modelo de solicitude dos mesmos, que están a disposición do público na web do Cersia Empresa.

O Catálogo de Economía Social xa está dispoñible na web municipal www.cersiaempresa.gal para todas as persoas que queiran descárgalo, así como un formulario para as empresas de economía social do Concello de Santiago que desexen ser incluídas no mesmo na actualización que se realizará en setembro de 2017. E a partir de mañá estarán tamén dispoñibles na páxina web do Cersia Empresa os formularios de preinscrición para que as persoas interesadas nas iniciativas citadas poidan manifestar o seu interese nas mesmas e poidan ser avisadas de xeito personalizado cando se convoquen estas actividades.

O programa Compostela Móvese 2017 conta cun orzamento de 235.000 €, dos que 80.000 se dedican a axudas a empresas de recente creación e outros 80.000 € ás accións de fomento da economía social e colaborativa descritas.