Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño abre o periodo de comunicación previa das fogueiras do San Xoán e do San Pedro


A chegada do verán está á vota duns días co San Xoán como data de inicio oficiosa. A rapazada acabou a escola, as noites son as máis curtas do ano e no ambiente aléntase unha certa euforia que culmina con ducias de fogueiras e co arrecendo de sardiñas e/ou churrascos. Este ano o 23 de xuño cadra en venres e son varias as entidades do municipio que teñen programadas lumeiradas para ese día e para o seguinte. Tamén hai fogueiras informais organizadas por veciños e veciñas dun mesmo lugar e hai quen as arma na casa xuntando para a ocasión a toda a familia. Incluso queda quen mantén a tradición de celebrar con lume a véspera do San Pedro, aínda que a cousa vaia a menos cada ano que pasa. En calquera caso, o primeiro no que hai que pensar é na seguridade e na obriga de comunicar previamente a data e o lugar da lumeirada. Para iso hai que cubrir unha folla normalizada e entregala no rexistro do Concello.

A tradición manda e por todo o concello haberá ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada
Non debe facerse a fogueira preto de lugares con vexetación
Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de solicitude de autorización publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir a solicitude e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 -que cadra venres- como nos días posteriores.

A autorización recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que o lume estea totalmente apagado e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter controlado o lume.