Os sendeiros de Naraío e Igrexafeita acolleron esta mañá a máis dun cento de deportistas amantes dos retos de resistencia e tamén da natureza. Ás 9.15h. comezou a disputarse o I Trail Concello de San Sadurniño sen máis aliciente ca ese, o de participar nunha carreira “de iniciación”, tal e como comentaban os corredores e corredoras máis experimentadas, que superou amplamente as expectativas en canto ao nivel organizativo e á satisfacción de quen facía por primeira vez o circuíto. O maior número de inscricións -preto de 90- deuse no denominado trail curto, 16,5 km correndo onde o máis rápido na categoría masculina foi Óscar Piñeiro e na feminina Mónica Touriño. Na proba combinada en parellas -unha persoa correndo os 9 primeiros quilómetros e despois a compañeira facendo en bici os 7,5 restantes- a victoria foi para Alberto Gómez e Xan Piñeiro. Por último, no trail longo -27 quilómetros correndo- os mellores tempos marcáronos Tereza Ctvrtnickova en feminino e José María Fernández Sampedro en masculino.
A carreira comezou no horario previsto tomando como punto de partida o local social de Naraío. Ás 9.15h. déuselle a saída aos participantes no trail combinado, un cuarto de hora despois ás persoas inscritas no trail longo -só 19 e, agás unha, todas homes- e, ás 10 en punto da mañá, emprenderon a ruta as 89 deportistas da carreira de 16,5 quilómetros.
O trazado era común para as tres carreiras durante 8 quilómetros, cun inicio de quecemento percorrendo o val do Castro entre os lugares da Veiga e de Pielas que, aos 3 quilómetros, se convertía nunha costa inacabable e chea de pedras con final no lugar do Pousadoiro. Despois, de novo terreo máis ou menos chan até a Abelleira e volta a subir monte a través até o parque eólico do Forgoselo, onde a carreira máis longa tomaba rumbo a Igrexafeita mentres as outras, o trail curto e o combinado, iniciaban un descenso de vertixe -sobre todo as bicis- desde o repetidor do Furado até o sendeiro do Castro preto outra vez de Pielas e do final.
Os 27 quilómetros da proba máis longa foron para os ganadores masculino e feminino un reto doado. José María Fernández completou o traxecto en 2h. 16m., e iso que despois de baixar a Igrexafeita e percorrer a ribeira do Castro até a Ponte da Pedreira era necesario volver subir ao Forgoselo antes de empatar co trazado das outras dúas carreiras nos últimos 6 quilómetros. Detrás de Fernández -do equipo Revolution Trail de Riveira- chegaron José Ángel Díaz Bautista -a algo máis de 5 minutos- e Manuel Ces, do Club Tribu, a case 16 minutos do primeiro. Nesta proba só houbo unha muller, Tereza Ctvrtnickova, que rematou en 3h. e 23m. A deportista cualificou o trail como unha proba “doada” e ideal para quen se estea iniciando no deporte. Ctvrtnickova destacou, ademais, a beleza da paisaxe que, segundo dixo, “nalgúns momentos invitaba a parar e mirar os arredores”, sobre todo na parte do Forgoselo.
As carreiras curtas resolvéronse e menos tempo: Óscar Piñeiro fixo o trazado correndo en 1h. 17m. e a parella Gómez/Piñeiro resolveu a combinada en 1h. 13m., 56m 58s correndo e 16m 11s en bici. En ningunha delas, nin na longa nin nas curtas, se produciron incidencias reseñables. O único que merece mención foron algunhas equivocacións en cruces -malia estaren sinalizados-, algunha que outra caída que non requiriu atención médica e a coincidencia co percorrido a pé organizado pola asociación veciñal da Cobeluda tamén no día de hoxe.
Ao remate das tres carreiras os comentarios de parabéns para a organización foron unánimes, así como a intención de repetir no caso de que se decida organizar un segundo trail o ano que vén. O alcalde, Secundino García, agradeceu o traballo desenvolvido polo persoal da área de Deportes e tamén o da brigada de obras “para que todo estivese a punto”. Porén, o rexedor destacou especialmente “a implicación de toda a xente do Club Biela e Chaveta e de Lobos de Naraío. Fixeron un grande esforzo e se todo saíu ben é en grande parte grazas a eles e elas”.