Trátase dunha senda de 1,3 km fronte á Casa do Concello que se construirá pola marxe esquerda da estrada e será de uso compartido, peonil e ciclista
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar unha nova senda na estrada entre Cabanas e o lugar da Pena, na AC-141, por un importe de máis de 385.000 euros, coa fin de mellorar a mobilidade dos veciños e incrementar a súa seguridade.
Estas obras, que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) comezará este verán, serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Trátase dunha senda de 1,3 km de lonxitude fronte á Casa do Concello que se construirá pola marxe esquerda da estrada e será de uso compartido, peonil e ciclista. Executarase un itinerario independente e separado da calzada actual, que ofrecerá as condicións de seguridade e comodidade axeitadas para o seu uso e desfrute por parte de peóns e de ciclistas.
Esta actuación, que ten un prazo de execución de 6 meses, é moi demandada e mellorará a mobilidade dos veciños de Cabanas, xa que precisamente este treito da estrada rexistra unha circulación peonil constante motivada pola concentración de poboación e a existencia de numerosas vivendas na zona; e tamén é onde se atopan os principais equipamentos municipais, como é o caso da Casa do Concello ou a igrexa parroquial de San Andrés.
Este itinerario enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, que xa está en pleno desenvolvemento varias comarcas, e que trata de mellorar a mobilidade e incrementar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas. Cómpre lembrar que o citado plan, para o caso concreto da comarca de Ferrol prevé, nunha primeira fase, a construción de 6 sendas, 9 km e un investimento de 2,7 millóns de euros.