Na zona de Bergantiños e Costa da Morte pódense beneficiar os propietarios do concello de Carballo, adherido ao Programa de Vivendas Baleiras
Os propietarios de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras creado pola Xunta de Galicia poderán beneficiarse de axudas de ata 5.500 euros parta a realización de obras de conservación, mantemento e rehabilitación das mesmas.
O importe máximo das axudas será de 5.500 euros no caso de vivendas unifamiliares e de 4.000 euros cando se trate de vivendas emprazadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, tal como establece a Orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 29 de maio e que regula as bases polas que se rexen estas axudas e a convocatoria para 2017.
Na zona de Bergantiños e Costa da Morte, está adherido ao Programa de Vivendas Baleiras o concello de Carballo, que xa ten aprobadas as bases do programa pendentes de publicación, que é un dos requisitos establecidos para que os propietarios das vivendas poidan acceder ás axudas.
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, que sexan propietarias
ou usufrutuarias das vivendas e promoveran as actuacións subvencionables. As vivendas deberán estar incluídas no Programa de Vivendas Baleiras e as obras deberán realizarse despois da data de solicitude de inscrición no mesmo e antes de solicitar a subvención, sendo necesario un informe municipal que acredite a necesidade das actuacións para as cales se solicita a subvención.
Serán subvencionables as seguintes actuacións:
• Obras de conservación e mantemento.
• Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como o correcto funcionamento das súas instalacións ou a súa adaptación á normativa vixente.
• Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.
En 2017, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará 300.000 euros a estas axudas, dos que 200.000 estarán destinados a vivendas propiedade de particulares, 50.000 euros a vivendas propiedade de concellos e os outros 50.000 euros a vivendas propiedade de empresas. O importe da convocatoria poderá ampliarse no caso de ser necesario.