Tuesday 26 de November de 2024

124 deportistas aceptan o reto do I Trail Concello de San Sadurniño que se disputa este domingo por Naraío e Igrexafeita


Todo está preparado xa para que comece o I Trail Concello de San Sadurniño. Os itinerarios sinalizados, os carreiros rozados, o dispositivo de seguridade convocado e, o máis importante, os e as participantes inscritas. A proba celebrarase ao longo da mañá do domingo con saída e chegada no local social de Naraío. Nela participarán 124 deportistas distribuídos nas tres probas que se propoñen: 29 correrán o trail de 27 quilómetros, 79 farán o de 16 quilómetros e, por último, serán 16 persoas as que fagan a proba combinada de carreira a pé e en bicicleta. O trazado pasa por algúns dos lugares máis espectaculares de Naraío e Igrexafeita e practicamente calquera sitio é bo para ver a evolución da proba.

A saída da competición darase as 9.15h. comezando pola carreira combinada a pé e en bici -16,5 km.-, ás 9.30h. sairá a proba longa (27 km. a pé) e ás 10.00h. está previsto que se lles dea a saída ás persoas participantes no denominado trail curto, que son tamén 16.5km. pero sen relevo.

As tres probas teñen como punto de saída e chegada o campo de fútbol de Naraío pero, ademais da distancia, o perfil do terreo tamén marca unha diferenza importante entre elas. Así, tanto o trail curto como o longo farán en paralelo 9 quilómetros: unha saída suave a xeito de quecemento polo contorno do Castro e, ao pouco, comezo de 5 quilómetros de subida ininterrompida cunha pendente que chega ao 32% e que só dará un respiro entre O Pousadoiro e A Abelleira.

Aos 9 quilómetros xustos -pouco despois da subestación do parque eólico do Forgoselo- as carreiras divídense. O trail curto dá a opción de participar correndo individualmente todo o traxecto ou por parellas, combinando unha persoa correndo o primeiro tramo e outra que lle collerá o relevo na bici á altura do quilómetro 9,8. Un relevo que se producirá pouco antes do vértice xeodésico de Racamonde -situado a 547 m. de altitude- desde onde se iniciará un descenso de case 6 quilómetros pasando polo repetidor do Furado e volvendo ao sendeiro do Río Castro preto xa do final.

O trail longo -o de 27 quilómetros- só se poderá facer a pé. No punto de separación con respecto ao curto -no km. 9,8- o trazado continuará de fronte para dar un rodeo de case catro quilómetros e volver practicamente ao mesmo sitio antes de chegar ao cruzamento onde as parellas do trail curto se dan o relevo e onde haberá un punto de avituallamento. Aí volven separarse os trazados, xa que a proba de maior distancia tirará ao norte -cara ao lugar dos Carboados- e iniciará a baixada ao pozo de Lamas, en Igrexafeita, desde onde tirará bordeando o Castro até o Castelo de Naraío.

Pouco antes da fortaleza, despois de levar 19 quilómetros nas pernas, novo pesadelo: pasar en menos de 3 quilómetros dos 150 aos 450 metros de altitude, é dicir, volver subir ás estribacións do Forgoselo superando case un 30% de pendente máxima.

Quen aguante o tirón terá o consolo de que, ao final da longa costa polo medio da fraga, empezará a baixada de case 6 quilómetros até a meta, situada no local social de Naraío. Alí disporán de duchas e dun xantar incluído nos 15 euros que custa a inscrición -para as persoas acompañantes a comida custa 10€-.