Nava Castro destacou o potencial que terá para o Camiño Fisterra-Muxía e para a Costa da Morte que nos catro primeiros meses do ano superou en máis dun 23% o volume de pernoitas en relación ao ano pasado
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe o “excelente traballo” que se está a levar a cabo dende a iniciativa privada que, co seu esforzo e compromiso, está a axudar a renovar e impulsar o turismo galego.
Nava Castro fixo estas declaracións hoxe no transcurso da inauguración do novo Hostel Monasterio de Moraime, un novo establecemento de hospedaxe posto en marcha tras a rehabilitación da antiga casa reitoral desta localidade da Costa da Morte.
Durante o acto, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, a responsable de Turismo considerou que este novo establecemento se vai converter nun importante recurso para o Camiño Fisterra Muxía, que o ano pasado escolleron máis de 700 peregrinos, pero tamén para a Costa da Morte como destino.
“Porque é este un destino que está a demostrar un comportamento moi positivo nestes catro primeiros meses do ano, superando en máis dun 23% o volume de pernoitas do mesmo período do ano pasado”, engadiu.
Colaboración público-privada
Ademais, e como dixo, en Galicia é clave ofrecer unha infraestrutura de aloxamento moderna e de calidade que permita aos visitantes “gozar do noso destino, ao tempo que poidan dispor de todos os servizos para o seu máximo confort e tranquilidade”, indicou recordando que se trata este dun obxectivo conxunto entre o sector e a Administración.
Neste sentido, recordou a importancia da colaboración público-privada impulsada polo seu departamento e plasmada na Estratexia do Turismo de Galicia 2020, “porque coñecemos o gran potencial do sector e estamos seguros de que traballando xuntos conseguiremos mellorar o posicionamento do destino Galicia de maneira eficiente e competitiva”, dixo.
Durante a súa intervención tamén fixo mención ao apoio da Xunta ao sector con iniciativas como, na Costa da Morte, o apoio de Turismo de Galicia á asociación Costa da Morte Acción Turística (CMAT) para pór en valor os recursos turísticos da zona ou o impulso á eficiencia enerxética no sector hoteleiro con liñas de axudas a través do Inega, entre outras.