Abanca comunicoulle esta mesma semana ao Concello a súa intención de pechar a sucursal de San Valentín o día 23 de xuño. Confírmase deste xeito o rumor que circulou pola rúa a primeiros de febreiro e que a propia entidade bancaria chegou a desmentir asegurándolle ao goberno local que “a curto prazo” non estaba entre as súas previsións clausurar a oficina do barrio máis populoso do municipio. Tras coñecer a noticia, a instancias da alcaldía todos os grupos municipais acordaron levar ao pleno de onte un acordo no que se demanda o mantemento da entidade e no que, ademais, se expresa o compromiso do Concello de aliñarse coa veciñanza na reivindicación de que San Valentín non perda o seu único servizo bancario.
O texto ratificado polos dous grupos do goberno local e os da oposición contextualiza a clausura da oficina no proceso “de recortes no plantel” e de “peche de oficinas” emprendido pola dirección de Abanca trala transformación vivida polas antigas caixas de aforro galegas, primeiro coa súa fusión, logo co seu rescate e, por último, coa súa venda ao capital privado “a prezo de saldo”.
Un proceso que deixou polo camiño “o obxectivo de colocar o aforro galego ao servizo do país” e que, ademais, tamén estaría supoñendo, a xuízo do pleno fenés, “a perda de servizos de atención ás persoas”, como pode ser o caso de San Valentín a menos que cambien as cousas.
A moción ao respecto do mantemento dos servizos bancarios en San Valentín lembra tamén que a bancarización das antigas caixas supuxo pasar en pouco tempo de 5 oficinas – 3 de Caixa Galicia, unha do Echevarría e unha Caixa Nova- ás 3 actuais de Abanca: unha situada en Maniños, outra preto do cruce de Fene e a de San Valentín que, segundo a entidade, xa non abrirá as súas portas o luns 26 de xuño.
Por este motivo, o pleno municipal aprobou por unanimidade demandar o mantemento das tres oficinas e apoiar á veciñanza da parroquia de San Valentín nas súas demandas de que se lles manteña o único servizo bancario do que dispoñen. Cómpre lembrar que o barrio conta, segundo os datos do INE, cunha poboación cercana aos 1.400 habitantes cunha alta porcentaxe de persoas maiores.
“Se pecha a oficina, todas esas persoas usuarias deberán acudir á sucursal de Fene para facer os trámites habituais. É un serio inconveniente para calquera, pero máis aínda para a xente de máis idade, que terá que depender doutras persoas ou botar man dun taxi para algo que tivo toda a vida ao pé da casa”, explica Juventino Trigo.
Ademais de sumarse ás reivindicacións veciñais, o Concello tamén quere exercer presión coas posibilidades que ten ao seu alcance. Por iso na moción tamén se recolle o compromiso de poñer o seu contido en coñecemento do Parlamento galego e lánzase o aviso de que o ente municipal “valorará” a súa posición como cliente de Abanca se a entidade decide ao cabo pechar a oficina.
O alcalde, Juventino Trigo, lamentou que Abanca “pense máis nos resultados que no servizo público” e criticou que o banco “non puxese as cartas enriba da mesa hai pouco máis de tres meses, cando nos dixeron que a curto prazo non tiñan previsto pechar a sucursal. Non sabemos o que significa para Abanca o ‘curto prazo’, Parécenos unha falla de respecto á institución e á veciñanza de Fene e por iso actuaremos en consecuencia se finalmente optan polo peche”.