Saturday 16 de November de 2024

Aprobada inicialmente a modificación do regulamento do Pleno


A Xunta de Goberno aprobou hoxe de maneira inicial a modificación do regulamento orgánico do Pleno do Concello de Santiago, que agora terá que recibir o visto bo da Corporación municipal. O alcalde explicou que, deste xeito, “danse os últimos pasos nun longo proceso de traballo no que os catro grupos municipais están implicados dende hai case un ano”.

Martiño Noriega sinalou que as modificacións pretenden “subsanar algunhas disfuncións do actual regulamento, aprobado en decembro de 2007”. Os cambios tratarán de evitar “sesións plenarias excesivamente alongadas”, tendo en conta que na actualidade a Corporación está formada por catro grupos municipais. As modificacións do regulamento tamén atenden á introdución das novas tecnoloxías nas actas plenarias e facilitan a participación da veciñanza nas sesións. Ao respecto, o alcalde lembrou que, na actualidade, “os veciños e veciñas que queren participar no pleno poden facer as súas intervencións ao comezo da sesión, pero despois teñen que agardar horas ata que se debata o punto que lles interesa”.

Aparcadoiro na Sionlla
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe o proxecto dun aparcadoiro provisional disuasorio nunha parcela do parque empresarial da Sionlla, que terá máis de 230 prazas de aparcamento e unha zona para depósito municipal de vehículos. O alcalde lembrou que esta área de estacionamento “será financiada con fondos privados, e que suporá un investimento de máis de 380.000 euros”. Martiño Noriega explicou que este proxecto pretende “facilitar o aparcamento nesta área comercial, pensando especialmente nalgún gran establecemento”.

Outros acordos
Na reunión de hoxe tamén se deu conta de dous convenios de colaboración asinados polo Concello de Santiago. O primeiro dos acordos, coa asociación cultural Correlingua supón unha achega de 2.500 euros, e o segundo, co Club Atletismo Fontes do Sar para a organización da carreira nocturna SantYaGo10k contempla unha axuda de 12.000 euros. Ademais, aprobouse o convenio coa Fundación Abrente para a coorganización do evento denominado Proxecto ENKI, que pretende darlle visibilidade ás persoas con diversidade funcional. O Concello fai unha achega para a proba de 8.600 euros.

Ademais, acordouse prorrogar, por un prazo de dous anos, dous contratos asinados coa empresa Office Depot. Un deles ten que ver co subministro de material consumible de oficina para o Concello, e outro co subministro de folios, sobres e carpetas.