Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades denuncia o roubo de mobiliario urbano da área recreativa de Ponte Carballa (Abellá)


O Concello de Frades vén de denunciar diante da Garda Civil o roubo de mobiliario urbano da área recreativa de Ponte Carballa, na parroquia de Abellá. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “roubáronos catro bancos que estaban colocados no paseo do río Samo, polo que xa puxemos a correspondente denuncia ante a Garda Civil”. Un suceso que semella non ser aillado, pois esta mesma semana tamén roubaron outros catro bancos do paseo dun municipio veciño.

O alcalde de Frades volve facer un chamamento á colaboración veciñal para tratar de dar cos responsables deste roubo, que afecta a unha das áreas recreativas máis concorridas do municipio, sobre todo coa chegada do verán xa que dispón de varias mesas e barbacoas, un parque para os máis cativos, un muíño restaurado e un amplo aparcadoiro. Un roubo que se suma aos actos vandálicos cometidos a principios do mes de maio contra a sinalización das localizacións turísticas do municipio, na que descoñecidos racharon os paneis das rutas de sendeirismo e de sinalización turística.